Un robot galego axudará á recuperación de pacientes con dano cerebral

Un consorcio de empresas e institucións galegas desenvolveu un prototipo de robot consistente nun brazo robótico que se ensambla ao brazo de pacientes con dano cerebral para, mediante un sistema de realidade virtual, asistilos nos seus déficits motores e permitirlles realizar exercicios cotiáns, ademais de facer o seguimento dos seus progresos.

Este proxecto, “Recupera”, baséase en que o paciente segue os movementos a través dun monitor e, cun sistema inmersivo de realidade virtual, sitúase en escenarios ficticios ou habituais para mellorar a súa autonomía persoal. Así, o usuario intenta realizar virtualmente unha actividade concreta, como cociñar ou asearse, e o robot asísteo cando é necesario para completar os seus movementos.

Esta iniciativa está liderada pola empresa do sector TIC Balidea, en colaboración co Hospital Povisa, Aimen Centro Tecnolóxico, e as empresas DGH, i3Te e Ficción; conta cun presuposto de 1,33 millóns de euros e un prazo de desenvolvemento de 34 meses.

A terapia robótica ofrecerá ao paciente unha serie de vantaxes respecto á terapia convencional, como o feito de que permite levar a cabo moitas repeticións de movementos -que son a base da aprendizaxe- sen erros e sen fatiga, e permitindo alongar os adestramentos sen necesitar a participación directa do terapeuta. Tamén presenta algunhas dificultades, como a de reproducir con exactitude os complexos movementos fisiolóxicos humanos.

O proxecto conta cun presuposto de 1,33 millóns de euros achegados pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) no marco do programa ConectaPEME 2016, subvencionado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e será desenvolvido durante 34 meses. Ao longo do próximo ano irase perfeccionando o prototipo, e espérase que en 2018 se instale en Povisa para levar a cabo a súa validación clínica. Unha vez validado, pasará a formar parte dos ximnasios de rehabilitación, onde completará o labor de fisioterapeutas e terapeutas ocupacionais para favorecer a recuperación neurolóxica.

(Fonte: Innovamás)