Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), celebrou a súa 18ª edición baixo o lema “Aeronáutica e Aeroespacial”. A súa finalidade é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación.
Ao acto de clausura, no que se fixo entrega dos premios, asistiron o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde; e a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey. O vicepresidente salientou que “iniciativas como Galiciencia serven para que os máis novos amosen o seu enxeño á hora de desenvolver novos produtos e resolver problemas a través da ciencia”. Animounos a “seguir con esa inquedanza e esa creatividade” e puxo de relevo que é o primeiro ano que hai maior participación feminina en Galiciencia, o que cualificou de “moi boa noticia porque no impulso científico precisamos o empuxe de todas e de todos”. No transcurso do evento anunciouse a temática de Galiciencia 2024: “Mellor, de madeira”.
Os científicos e científicas do futuro
O primeiro premio recaeu no proxecto “Simulación de ambiente favorable á vida para o traslado a outros planetas”, de Daniel Blanco e Carla Pérez, do Colexio San Pablo VI-Fátima da Rúa. O segundo equipo clasificado foi o formado por Sara Vázquez e Erik Villa, do Colexio Internacional SEK Atlántico de Poio, que crearon un bolígrafo biodegradable con tinta natural, empregando un bioplástico elaborado cunha alga, o agar-agar, e auga. O terceiro premio foi para o proxecto “Mapa do ceo e constelacións táctiles” de Lola Reboredo e Laura Gil, do IES Menéndez Pidal Zalaeta da Coruña, co que buscan axudar ás persoas con discapacidades visuais a entender o noso concepto do ceo nocturno mediante un mapa con constelacións e estrelas en relevo impreso en 3D.
O proxecto máis innovador foi o de Ana Pita e Paula Cuevas, do IES de Ortigueira, que realizaron unha serie de experimentos de cultivo in vitro, pensando en alternativas de cultivo agrícola para unha futura colonización do planeta Marte. O premio para o mellor proxecto liderado por unha nena foi para o estudo da viabilidade da repoboación forestal de bosques queimados mediante bombas de sementes; de Sarai González e Jacobo González, do Colexio San José – Josefinas de Ourense. O proxecto co método científico e proceso de investigación mellor definido foi para o liderado por Ana Otero e Beatriz Álvarez, do Colexio Miraflores de Pereiro de Aguiar, que estudaron o grao de contaminación bacteriana nas diferentes superficies dunha vivenda.
O premio para a mellor comunicación e presentación oral recaeu en Daniel Paz e Tomás Rodríguez, do CPR Eduardo Pondal de Cangas, coa aplicación dunha tecnoloxía emerxente, a iónica, na propulsión de drons. O mellor proxecto englobado dentro da temática “Aeronáutica e Aeroespacial” foi o de Sara Mosteiro e Manuel Velasco do IES María Casares de Oleiros, que demostraron que as cometas son algo máis que un xogo de nenos, investigando as peculiaridades da súa construción e voo.
Nesta edición galardoouse a mellor proposta na categoría de FP, que recaeu en Anny Cabrera e Juan López, do CIFP Politécnico de Lugo, que investigaron a eficacia do cannabidiol na abordaxe das crises epilépticas. A mellor valoración popular foi para Uxía Rodríguez e
David Martínez do IES Aquis Querquernis de Bande, que conseguiron “vestir” unhas bacterias cun xene para que se volvan fluorescentes.
Todos os proxectos desta edición están expostos en www.galiciencia.com.
Fonte: Tecnópole