Un proxecto ourensán optimiza empresas a través de algoritmos

Os algoritmos matemáticos poden axudar a previr anomalías e problemas nas cadeas de produción industriais ou no día a día das empresas, un uso acertado pode traducirse nunha optimización dos procesos industriais ou de calquera outra índole, e tamén son de elevada utilidade para administracións e institucións. Así o sinala o ourensán Raúl Casas, coordinador do equipo de científicos de datos e de estatísticos Dynamo, do que forman parte o tamén ourensán Brais González, Manuel Vahamonde e Paloma Castro.

Esta idea da modelización matemática dun problema para dar unha solución a este ten cada vez un campo máis amplo de aplicación. Por exemplo, en canto ás RPT dos concellos ou administracións (e analogamente ás propias empresas), co obxectivo de que sexan o máis eficientes posibles. “A través dos datos que nos subministre unha institución pública ou unha empresa nun aspecto como pode ser o de xestión de RRHH, o que para un administrativo cualificado pode supoñer moitísimas horas de traballo, para nós, unha vez que dispoñamos dos datos e apliquemos o algoritmo, calquera modificación a posteriori que teña lugar, a solución é cuestión de cero coma algo segundos”, explica Casas.

Os algoritmos son tamén aplicables a outros campos, como o da xestión de residuos. “Cun algoritmo de ruta conséguese facer ese percorrido no menor tempo posible; é o que se chama optimización, o que supón un aforro importante tanto de recursos humanos como materiais á empresa concesionaria do servizo ou o concello ou mancomunidade correspondente”, apunta Casas.

Aplicación na industria

Ten igualmente aplicación na industria. “Imaxinemos que temos unha maquinaria cunha serie de motores e unha serie de sensores situados estratexicamente no motor que nos subministran datos ao segundo. Con todos eses datos e un modelo matemático podemos predicir cando eses motores poderían empezar a presentar problemas, co que poderiamos anticiparnos a eles e, dese modo, non ter que parar a produción”. Este tipo de algoritmos, sinala, “xa foi testado en empresas, sobre todo do sector madeireiro”.

É a revolución 4.0 “que xa está aquí e mellora moito a eficiencia tanto de empresas como de institucións e administracións”, subliña Casas.

(Fonte: La Región)