Un proxecto da central das Pontes, recoñecido polo máximo organismo de I+D eléctrica de EEUU

Dous proxectos desenvolvidos por Endesa en España, concretamente un na central das Pontes (A Coruña) e outro na illa canaria da Gomera, foron premiados na última edición dos premios anuais Technology Transfer Award 2016, organizados polo máximo organismo de certificación eléctrica a nivel mundial, o Electric Power Research Institute, EPRI.

Con estes premios, o Electric Power Research Institute recoñece aos líderes e innovadores no sector eléctrico que foron capaces de transferir a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico en aplicacións prácticas para axudar a unha produción eléctrica máis fiable, eficiente, competitiva e medioambientalmente responsable. Supón, ademais, un respaldo ao proceso de dixitalización das plantas de xeración que está desenvolvendo o grupo Enel, ao que pertence Endesa, en todos os países nos que opera.

Na categoría de Xeración foi premiado un proxecto desenvolvido na central térmica de carbón das Pontes por un equipo conxunto de expertos de Enel e Endesa para o emprego dun software para a monitorización en tempo real do consumo de vida remanente de compoñentes de pezas críticas, como pode ser a caldeira. Trátase de poder estimar a vida real de distintos compoñentes en función da operación concreta que están experimentando. En concreto, o software permite analizar, en tempo real, datos de planta de fatiga térmica, o que posibilita cambiar as condicións de operación (uso e arranque) para optimizar o seu uso. Ademais, ao coñecer os límites reais dos compoñentes, dota de maior flexibilidade á planta, axustando os traballos de mantemento e a operación ás necesidades reais.

O segundo premio, na categoría de Power Delivery & Utilization, recoñece os avances conseguidos á hora de analizar o impacto, na rede eléctrica de sistemas insulares, dun alto nivel de xeración distribuída, neste caso de orixe fotovoltaico. A análise enfocouse en ofrecer solucións de almacenamento que garantan a estabilidade do sistema, tanto desde o punto de vista da seguridade de subministración, como do económico. A día de hoxe, a tecnoloxía de almacenamento non sempre resulta competitiva polos seus custos, polo que precisa de sistemas de análise e metodoloxía que permita optimizar o seu deseño e uso. Os resultados da análise indican que, a medio prazo, poderíase ter un potencial aforro enerxético na illa.

(Fonte: Innovamás)