Un paso máis na supercondutividade (CITI)

Dous científicos sénior e un doutorando en formación. Luís Romaní (73 anos) e Gerardo Domarco (83), catedrático emérito e profesor xubilado da Universidade de Vigo, dirixen a tese que defendeu no edificio Politécnico do campus de Ourense Esteban Paredes Barros, (Monterrei, 1992) graduado en Física pola USC e máster en Enerxías Renovables. Os resultados que o investigador presentou avanzan un pouco máis no complexo fenómeno da supercondutividade, que é a capacidade de certos materiais para transportar corrente eléctrica sen resistencia nin perda de enerxía. Lograr que este proceso se produza a temperatura ambiente é un dos grandes retos da ciencia.

Gerardo Domarco Álvarez é, precisamente, un dos pioneiros a nivel nacional no estudo da supercondutividade, xunto con Félix Vidal Costa, catedrático emérito da Universidade de Santiago e Premio Nacional de Investigación Científica, que presidiu o tribunal que xulgou a tese de doutoramento de Esteban Paredes.

A tese, na que Esteban traballou durante tres anos e medio, estuda os fenómenos indutivos en enfrontamentos coaxiais entre elementos supercondutores de alta temperatura crítica. A investigación desenvolveuse no Laboratorio de Termofísifica e Supercondutividade do CITI, na Tecnópole.

O propio Domarco explica que este traballo é innovador e proporciona importantes avances no campo dos supercondutores porque incorpora experiencias que nunca antes se realizaron. “A tese é moi boa porque demostra que non existe un límite para a corrente eléctrica. Previamente críase que a partir de certo valor, o supercondutor xa non soportaba máis. Con Esteban logramos subir a intensidade até o triplo ou o cuádruplo. Chegamos a preto dos 100.000 amperios cando o normal son 20.000. É unha novidade”.

Desde o punto de vista de Esteban Paredes, os resultados deste traballo teñen unha importante aplicación no deseño de sistemas de almacenamento de enerxía. “Ao ter unha resistencia eléctrica nula, ese aumento de corrente non se disipa e pode permanecer aí de maneira ilimitada. Un dos problemas dos sistemas de almacenamento convencionais é que ao cabo de certo tempo hai unha perda de enerxía importante. Desta maneira, poderíase expor un sistema de almacenamento sen autodescargas”, conclúe.

Fonte: Faro de Vigo