Un novo material que se autorrepara e con posible uso médico e espacial

Un novo material con aparencia de caucho transparente que ten a case milagrosa propiedade de autorrepararse foi creado por tres científicos da Universidade de Alacante (UA) con posibilidades de aplicación en variados campos, entre eles o sanitario e a industria aeroespacial.
 
Este material, pioneiro a nivel mundial e cuxa fórmula foi patentada o pasado xuño, é un tipo de resina desenvolvida polo catedrático de Química Inorgánica José Miguel Martín, o enxeñeiro químico e industrial José Antonio Jofre e o químico Andrés Jesús Yáñez, do Laboratorio de Adhesión e Adhesivos da Universidade de Alacante, o único centro científico nesta especialidade do país. Este novo compoñente é “enormemente versátil”, en palabras de José Miguel Martín, e podería ter aplicacións concretas en numerosas industrias, como a automoción, médica, téxtil, pinturas, cosmética e, mesmo, para a aeroespacial pola súa capacidade de “auto-rexeneración”.

Repárase só porque, se rompe ou corta pola metade e se volve poñer en contacto, nuns segundos queda completamente unido sen mediar ningún outro produto aditivo ou ser obxecto de estimulación externa (normalmente calor). Deste xeito, arranxaríase case inmediatamente o elemento utilizado, xa fose médico, como un catéter, prótese ou un corazón artificial (evitaría a intervención cirúrxica), ou nun pneumático ou no caso de pezas dun satélite no espazo.

Actúa mediante un proceso físico (non químico) que se pode repetir cantas veces sexa necesario coa mesma eficacia e, segundo Martín Martínez, o feito de que esta auto reparación se dea igualmente fóra ou dentro dun fluído achega unha característica “excepcional” que non se observara en ningún outro material coñecido. Ademais, é elastomérico (pode estirarse ata mil veces sen romper) e ten “memoria de forma”, o que fai que aos minutos de ser deformado volva por si só ao estado orixinal, segundo relatou o doutor Jofre, quen cre que, por exemplo, sería útil en parachoques de vehículos porque, tras o impacto do golpe, regresaría á súa fisionomía pouco despois.

Entre as valiosas particularidades do novo material está que carece de reacción química, o que evita a súa alteración e, ademais, o converte en “biocompatible” para fins médicos, sen rexeitamento polo corpo, e desta forma amplíase o abano de aplicacións. “Dende o punto de vista científico ten unha relevancia extraordinaria ao ser un desenvolvemento innovador e con futuro. Hai grupos de Estados Unidos que conseguiron materiais con algunhas destas propiedades pero ningunha con todas elas e, sobre todo, coa capacidade de auto rexeneración nun medio fluído”, destacou Martín.

De xeito casual

O achado da formulación para conseguir un material tan polivalente produciuse de xeito casual hai pouco máis dun ano durante unha investigación con outro fin encargada por unha empresa multinacional ao Laboratorio de Adhesión e Adhesivos. Os investigadores viron que, tras medir as propiedades mecánicas ás pezas do material desenvolvido, estas volvían rexenerarse tras ser fracturadas e deformada, sendo difícil diferenciar, pasadas unhas horas, as pezas que se ensaiaran das que non. Esta observación fixo a Martín, Jofre e Yáñez abrir unha nova liña de investigación para afondar no mecanismo responsable destas propiedades tan extraordinarias. No Laboratorio de Adhesión e Adhesivos estanse a estudar novas investigacións que desenvolvan as potenciais aplicacións deste material.

(Fonte: madrimasd)