Nos coches eléctricos actuais faise uso dun complexo sistema de baterías e supercondensadores para proporcionar a enerxía necesaria ao vehículo, pero este novo nanomaterial é capaz de ambas as dúas cousas, combinando esas funcións nunha solución sinxela e prometedora.
William Dichtel, líder deste grupo de investigación, explicaba que o seu nanomaterial “ten a capacidade de almacenar grandes cantidades de enerxía eléctrica ou carga, como unha batería, e tamén a capacidade de cargarse e descargarse rapidamente, como un supercondensador”.
O desenvolvemento baséase nun campo de investigación relativamente novo: os chamados Covalent Organic Frameworks (COF), unha familia de polímeros moi resistentes que teñen unha serie de diminutos poros que permiten almacenar enerxía. Combinaron ese polímero cun material altamente condutivo para lograr unha alternativa aos eléctrodos porosos baseados en carbono que se utilizaban previamente.
“Os COFs son estruturas impresionantes e moi prometedoras, pero a súa condutividade é limitada. Ese é o problema que tratamos de solucionar. Ao modificalas e engadirlles ese atributo do que carecen podemos usar os COFs na práctica”. Nunha recente demostración crearon unha batería do tamaño dunha moeda capaz de alimentar un LED durante 30 segundos, un avance modesto pero importante xa que demostra a viabilidade destes compoñentes.
O material é capaz de ofrecer 10.000 ciclos de carga e descarga, e esa combinación do COF co material condutor logrou que se almacenase 10 veces máis enerxía eléctrica que no COF sen modificar, logrando ademais realizar a entrada e saída de carga eléctrica entre 10 e 15 veces máis rápido.
(Fonte: xataka)