A Xunta (a través da axencia AMTEGA), o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), a FEGAMP e as catro deputacións provinciais van xuntar forzas para favorecer a posta en marcha de proxectos e servizos que garantan, a nivel galego e estatal, os escenarios tecnolóxicos máis seguros. En concreto, asinarán un convenio para formalizar a súa colaboración na posta en marcha do Nodo de Ciberseguridade de Galicia, CIBER.gal.
Coa creación de CIBER.gal, a Xunta pon en marcha un modelo de cooperación que, de forma conxunta con outros axentes públicos e privados, impulse a concienciación e a formación de cidadáns e empresas en materia de ciberseguridade; que dea resposta coordinada a retos complexos; que promova a xeración, atracción e retención de talento especializado, e que contribúa ao posicionamento de Galicia neste ámbito a nivel estatal e europeo.
Segundo informou AMTEGA, o inicio da actividade do nodo CIBER.gal focalizarase na formación e concienciación á cidadanía, ás empresas, en especial ás pequenas e medianas empresas, e ás administracións públicas, “dando resposta ás inquedanzas e necesidades sinaladas polos axentes consultados”.
Para a cidadanía, as pemes e as Administracións
Para a cidadanía os servizos centraranse en accións de formación a estudantes e eventos participativos para os diferentes niveis educativos (secundaria, bacharelato, formación profesional e universidade). Ademais, desenvolveranse accións de capacitación básica no uso seguro das tecnoloxías para persoas maiores.
Para as pemes e autónomos a concienciación e a difusión tamén serán eixos prioritarios dos servizos de CIBER.gal en colaboración con outros axentes do Nodo. Para os concellos e deputacións está previsto o deseño de actividades de capacitación e concienciación para axentes clave destas entidades e formación técnica avanzada para os seus profesionais dos servizos tecnolóxicos.
Fonte: Código Cero