Un diminuto microchip implantado nun dente ou nunha férula dental permitirá ás persoas con diabete medir a súa glicosa e facilitaralles un mellor control da súa enfermidade sen ter que picarse varias veces ao día para determinar cal é o seu nivel de azucre no sangue.
Esta tecnoloxía, que está sendo desenvolvida polo médico e odontólogo valenciano Salvador Albalat, conectarase a través duns sensores e mediante tecnoloxía de radiofrecuencia ao móbil, onde unha aplicación gardará os datos tanto da glicosa como da temperatura.
Albalat, que confesa ser un “enxeñeiro frustrado” ao que lle “encanta a tecnoloxía”, explica que a idea do microchip se lle ocorreu cando volvía dun lugar con neve e pensou: “¿Por que non colocar un teléfono dentro da boca? “
Aínda que nun principio comprobou que tecnoloxicamente era “un pouco complicado” colocar un microcircuíto, cando un día acudiu á súa clínica un paciente diabético que precisou picarse a metade de tratamento asociou ideas entre usar o microchip como un laboratorio “ou como un sistema de medición de variables fisiolóxicas”.
Empezou entón a traballar no proxecto, fixo a patente e contactou en 2017 cun enxeñeiro do Instituto Tecnolóxico de Zúrich (Suíza) que lle desenvolveu uns primeiros prototipos, que demostraron a posibilidade de comunicación co móbil e que podía medir a temperatura a tempo real.
“Pero o proxecto era moito máis ambicioso, era medir a glicosa polo problema que sofren os diabéticos”, sinala Albalat, que confesa que se trata dun dispositivo médico: “Sei que é un proceso longo e custoso, porque estamos a facer un diagnóstico en persoas”.
Grazas ao apoio do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), a través do programa Neotec, que apoia a creación e consolidación de empresas de base tecnolóxica, teñen dous anos para desenvolver este proxecto, aínda que en seis meses xa poderían probarse os primeiros prototipos.
Agora traballan con dous enxeñeiros, un deles é unha experta procedente da India que traballou na NASA, no proxecto Marte, e ten experiencia neste tipo de sensores, e tamén coa Universitat Politècnica de Valencia.
Albalat explicou que o microchip, de intelixencia artificial, tamén permitirá recoller datos como canto anda o paciente, que superficie percorre ou cantas calorías consume, información que se poderá rexistrar a través do móbil e que nas persoas diabéticas permitirá predicir cando terán variables na súa glicosa.
O proxecto atópase nunha fase de desenvolvemento “bastante avanzada”, segundo Albalat, que explica que se trata dun reto “moi importante porque colocar o microchip dentro da boca nun medio salino (onde hai saliva e hai moitas variables) ten a súa complexidade”.
Como un bracket
O microchip, dun tamaño de tres por catro milímetros, iría pegado no dente como un bracket de ortodoncia ou tamén podería colocarse mediante unha férula de plástico que pode poñer e quitar só no momento en que se quere medir o nivel de glicosa.
Tanto adultos como nenos poderían usar esta tecnoloxía, segundo Albalat, quen indica que en principio, non hai ningunha contraindicación no seu uso porque non leva pila” e funciona con radiofrecuencia.
Tamén descartou que poida haber rexeitamento ao material do microchip xa que, explica, é “como un bracket de ortodoncia, é totalmente inerte. Case é máis perigosa unha goma de mascar dentro da boca”.
Ademais, non descartan utilizar o mesmo microchip se o sistema de intelixencia artificial funciona ben, eliminando todos os erros que poida ter e colocándoo na roupa, reloxo ou outras partes do corpo.
Salvador Albalat asegura que non se queren quedar só na medición da glicosa, senón que no futuro sexa un “laboratorio móbil que permita medir de forma continua moitísimos parámetros, entre eles o colesterol”.
Tamén subliñou o baixo custo deste microchip, xa que ao ser microelectrónico custa dous ou tres dólares de fabricar en producións masivas, e unha vez desenvolvido o seu obxectivo é que sexa un proxecto social e se permita o acceso a esta tecnoloxía a xente sen recursos.
O exceso de peso, a escasa actividade física e o crecemento demográfico provocaron que o número de persoas con diabete se cuadriplicara nos últimos 39 anos, co que o número de enfermos chegou aos 420 millóns, segundo estima a Organización Mundial da Saúde (OMS).
(Fonte: La Razón)