Un laboratorio 4.0 contra as infeccións

Galicia contará cunha plataforma tecnolóxica capaz de obter “diagnósticos microbiolóxicos fiables de calquera patoloxía infecciosa”; unha iniciativa que o Ministerio de Ciencia e Innovación autorizara xa antes da aparición do Covid-19 e que, precisamente, cobra agora “especial relevancia para diagnosticar o coronavirus e outros patóxenos”. Estará nos laboratorios do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), que visitou o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.

Tratarase dun laboratorio de microbioloxía 4.0 “específico, rápido e totalmente automatizado” que poderá elaborar as súas análises “a partir de calquera mostra clínica biolóxica”, segundo explicou a Xunta. O proxecto, encabezado polo xefe do servizo de Microbioloxía do Chuac, Germán Bou, conta cun orzamento superior ao seis millóns de euros e, na actualidade, está a tramitarse o convenio co Ministerio.

O Executivo autonómico remarcou que, grazas a esta plataforma tecnolóxica, o diagnóstico dunha patoloxía infecciosa no mesmo día da recepción da mostra ao laboratorio “permitirá un diagnóstico certeiro e preciso desde o inicio, cunha diminución do número de probas diagnósticas complementarias, analíticas e tratamentos innecesarios”. E, ao fío diso, incidiu en que Galicia “segue a traballar na loita contra a pandemia” provocada polo coronavirus e que, con este obxectivo, “leva xa realizadas máis de 171.000 probas, das cales case 108.000 son PCR”.

Terapia optimizada

Así mesmo, a Xunta destacou que a posta en marcha desta iniciativa “redundará de maneira directa na saúde dos cidadáns, cun diagnóstico ultrarrápido, a través da detección temperá de bacterias resistentes aos antibióticos, optimizando a terapia antimicrobiana e minimizando a aparición das resistencias bacterianas”.

O laboratorio tamén posibilitará desenvolver unha solución “que combine a metaxenómica e a culturómica, xunto cunha plataforma Big Data para analizar o microbioma humano e o seu impacto na etioloxía de distintas enfermidades”, ademais de crear para o Sergas “un banco pioneiro de microbioma para rexistrar as mostras dos pacientes”.

Fonte: El Progreso