Un innovador caudalímetro intelixente de baixo custo permite reducir un 15% as fugas en redes de auga potable

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) lidera en España o desenvolvemento de WETNET, un innovador caudalímetro dotado de intelixencia para identificar e predicir fugas, que permite ás compañías xestoras de auga mellorar enormemente a súa capacidade de control das redes de distribución de auga potable, reducir os custos enerxéticos e as emisións e, á súa vez, un mellor uso dos recursos hídricos.

Trátase dunha solución froito de máis de 10 anos de investigación conxunta entre ITG e os seus socios italianos vinculados ao principal xestor de auga da rexión da Toscana.

WETNET é unha tecnoloxía de inserción baseada nun innovador sensor de fluxo incorporado en canalizacións de presión, e nun sistema de supervisión que permite mellorar a capacidade de control nas redes de distribución de auga. Deseñado para proporcionar datos precisos e en tempo real que permitan tomar decisións baseadas en evidencias sólidas, resolve problemáticas concretas que afectan tanto a grandes operadores como a servizos municipais dun tamaño máis reducido. Non é necesaria a interrupción do servizo e proporciona un elevado nivel de control sobre a rede que doutro modo tería un custo inasumible.

Permite, por exemplo, que o servizo non sexa interrompido durante a súa instalación, reduce os custos de implantación ao evitar a adaptación das conducións e ten un reducido mantemento durante a súa vida útil, sendo doadamente substituíble sen necesidade de persoal especializado. O número de puntos de medida é doadamente escalable e pode convivir con sistemas de control de medición pre existentes, incluídas as infraestruturas de comunicación.

Ademais, os servizos de supervisión e control de WETNET tamén permiten unha ampla gama de opcións na elaboración de datos e a súa presentación (dende simples avisos a simulacións e previsións) para apoiar as decisións. Tanto o medidor de fluxo, o subsistema de comunicación (RTU e de rede) e o software de supervisión, responden ás esixencias do mercado e satisfán os requisitos de certificación European Technology Verification (ETV).

WETNET recibiu dúas mencións de honra, nas categorías de innovación e tecnoloxía, durante a celebración de WEX Global 2016. Celebrado na cidade de Lisboa o pasado mes de febreiro, trátase do encontro de negocios de referencia a nivel mundial entre os profesionais e organizacións especializadas no ámbito da auga e a enerxía.

(Fonte: Innovamás)