Un grupo investidor galego compra a tecnolóxica Egatel

Un grupo de investidores galegos compraron a empresa tecnolóxica Egatel, que estaba en mans da compañía catalá Comsa. O cambio de titularidade pechouse mediante unha operación que se desenvolveu coa participación financeira do Banco de Santander. A compra supón un cambio de mans nunha das empresas máis veteranas do Parque Tecnolóxico de Galicia, que se puxo en marcha coincidindo coa apertura da Tecnópole, a comezos da década dos 90.

Egatel acaba de cumprir tres décadas de actividade en Ourense, con domicilio no Parque Tecnolóxico e fabricando sobre todo equipos de transmisión do sinal de televisión, tendo un dos seus maiores picos de actividade cando a transición cara á TDT. Até o momento forneceu máis de 26.000 equipos en máis de 40 países, con acordos cos principais operadores de “broadcast” e satélite do mundo.

Un catálogo de produtos que inclúe a área satelital

Entre as liñas de actividade de Egatel destácase o deseño, desenvolvemento e fabricación de equipos para radiodifusión de televisión, pero tamén de comunicacións vía satélite. O catálogo inclúe “equipos de alta tecnoloxía para o mercado profesional e doméstico, en sectores tan diversos como Broadcast, SATCOM ou EMS”, como destaca a compañía ourensá. Tamén ofrece consultoría e enxeñaría. No sector satelital a liña de produtos céntrase no desenvolvemento de terminais para servizos interactivos vía satélite como a Internet das Cousas, a TV conectada ou a fabricación de antenas planas con aplicacións para o sector marítimo, residencial, mobilidade terrestre ou administración e defensa.

Fonte: La Región