Un fondo de capital risco para empresas tecnolóxicas mobilizará ata 600 millóns

A secretaria de Estado de I+D+i, Carmen Vela, anunciou o lanzamento dun fondo de capital risco para apoiar empresas españolas de media capitalización. Esta iniciativa do CDTI pretende mobilizar un investimento total de entre 400 e 600 millóns de euros, dos que 100 millóns os achegará o propio organismo.

Este novo fondo ofrecerá facilidades para que empresas españolas de capitalización media con capacidades tecnolóxicas demostradas poidan acceder a un mercado de capitais que lles permita abordar maiores niveis de crecemento e expansión. Os investimentos dirixiranse principalmente aos sectores de química (incluída farmacia), electrónica, TIC, transporte, biotecnoloxía, agroalimentación, enerxía e bens de equipo.

A través deste instrumento, o sector público comparte risco coas empresas innovadoras españolas que apostan polo crecemento, o emprego de calidade e a competitividade internacional. Esta medida, xunto con outras de natureza similar dedicadas a fases máis temperás (capital semente e capital risco), permiten reforzar os investimentos especializadas en empresas tecnolóxicas, completando un camiño que se iniciou en 2012, cando o CDTI lanzou unha primeira iniciativa neste sentido: os fondos de capital risco Innvierte.

Novidades para este ano

Entre as novidades para este ano, convén destacar o compromiso do CDTI para dedicar 900 millóns de euros a financiar proxectos de I+D+i. Ademais, xestionará preto de 800 millóns de euros procedentes do Programa Operativo Pluri-rexional de Crecemento Intelixente durante o período 2014-2020.

O Programa Estratéxico de Consorcios de Investigación Empresarial Nacional (CEN), disporá este ano de 150 millóns de euros, un 20% máis que en 2014, o que posibilitará financiar un maior número de proxectos.

A Liña Directa de Innovación, cuxa finalidade é financiar proxectos empresariais que impliquen a incorporación de tecnoloxías novidosas e a modernización tecnolóxica das empresas, establece tipos de interese máis vantaxosos para as empresas e melloras nos anticipos.

Todos os proxectos cofinanciados con fondos FEDER disporán dun tramo non reembolsable que poderá chegar ata o 20% da axuda concedida a cada proxecto. Ademais, para promover a internacionalización das empresas españolas, incrementouse o tramo non reembolsable (poderá alcanzar ata o 30% da axuda concedida) dos proxectos de cooperación tecnolóxica internacional.

Polo que respecta ao Programa pluri-rexional FEDER Innterconecta 2015, abrirase unha nova convocatoria cun presuposto de 110 millóns de euros. Este programa promove o desenvolvemento de proxectos integrados de desenvolvemento experimental, con carácter estratéxico e gran dimensión, que desenvolvan tecnoloxías novidosas en áreas tecnolóxicas de futuro e en rexións con menor desenvolvemento.

Por último, o CDTI concederá as axudas Neotec con subvencións para promover a creación e consolidación de pequenas empresas de base tecnolóxica con menos de catro anos de vida.

(Fonte: SINC)