Un equipo galego de enxeñeiros, entre os 64 mellores do mundo nun desafío de Google

Cinco enxeñeiros galegos situáronse, co seu proxecto “SpiritOfSaintMartinho”, entre os 64 grupos que conseguiron igualar ou superar as especificacións do desafío mundial “The Little Box Challenge”.

Esta iniciativa promovida por Google, o Instituto de Enxeñeiros Eléctricos e Electrónicos (IEEE) e o Laboratorio Nacional de Enerxías Renovables de Estados Unidos (NREL), ten como obxectivo impulsar un salto tecnolóxico na conversión de corrente continua. En xogo está un premio dun millón de dólares para o equipo que deseñe o dispositivo inversor máis compacto.

O equipo galego explica que “o problema” que presentan os inversores domésticos é o seu excesivo tamaño e prezo, polo que unha redución destes permitiría máis fogares solares, redes de distribución máis eficientes e axudaría a dispoñer de electricidade nos recunchos máis remotos do planeta.

Dos 6500 participantes inscritos, entre os que se atopan empresas, centros tecnolóxicos e universidades de todo o mundo, só 64 conseguiron igualar ou superar as especificacións do concurso: que o investidor non superase os 655 centímetros cúbicos e lograse unha eficiencia de máis do 95%.

Entre estes 64 proxectos atópase o galego, presentado ao concurso como “SpiritOfSaintMartinho”. Este equipo ofrece 2 quilovatios de potencia nun deseño compacto e eficiente, ocupando un volume inferior a medio litro, o que supón unha redución “nun ratio de 10 a 1 con respecto ao tamaño” dos equipos que se atopan actualmente no mercado.

(Fonte: Faro de Vigo)