O tecido creado por Polit Casillas é en realidade unha malla metálica formada por pezas cadradas de prata unidas entre elas. O seu proceso de produción convérteo en especialmente resistente e flexible, e incorpora funcións que o volven capaz de actuar como illante térmico. Trátase dun material intelixente xa que pode regular a temperatura, ao reflectir a calor por fóra e mantela por dentro.
As potenciais aplicacións do tecido vólveno especialmente idóneo para as misións espaciais. Segundo a NASA, con el é posible fabricar traxes de astronauta, pero tamén podería servir para recubrir naves espaciais e grandes antenas, ás que protexería ante o impacto de meteoritos.
Para fabricar o material, en lugar de métodos tradicionais, empréganse tecnoloxías avanzadas de impresión 3 D que denominaron 4 D “porque é posible imprimir tanto a xeometría como a función destes materiais”, explica o enxeñeiro español nunha noticia publicada pola NASA. Grazas a este proceso de impresión que pode utilizarse de forma masiva, é posible programar novas funcións no material, como a regulación térmica.
JPL, o equipo da NASA do que forma parte Polit Casillas, aínda ten que probar o novo material. Se ten éxito, o seu obxectivo a longo prazo é facer posible a súa produción dende o espazo por parte dos propios astronautas.
(Fonte: EP)