Un dedal intelixente podería substituír o rato no mundo en 3D

Trátase dun dispositivo tremendamente útil pero é bidimensional. ¿Que acontece co mundo tridimensional e a eterna promesa da realidade virtual, que parece que cada día está máis preto? ¿Que clase de dispositivo substituirá o rato cando empecemos a interactuar en tres dimensións?

Xa podemos ver o desenvolvemento dunha idea xurdida na Universidade de Wyoming en Laramie (EEUU) da man de dous investigadores, Anh Nguyen e Amy Banic, que crearon un dedal intelixente capaz de detectar a súa posición con precisión en tres dimensións e de responder a unha serie de xestos preprogramados que permiten ao usuario interactuar con obxectos nun mundo virtual tridimensional.

O problema da interacción en tres dimensións non é novo, xa hai tempo que se poden adquirir ratos de ordenador que detectan a súa posición en tres dimensións. Non obstante, tenden a ter unha resolución e unhas aplicacións limitadas.

Calquera cunha consola de videoxogos moderna como unha Xbox Kinect ou unha Nintendo Wii, saberá como capturan os movementos tridimensionais estes dispositivos e como os traducen a unha pantalla en dúas dimensións. O problema é que estes dispositivos están ligados a unha tecnoloxía concreta e non se poden transferir a un PC ou un Mac, por exemplo.

Por outra parte está o LeapMotion, que mide o movemento de toda unha man nun espazo tridimensional. Lanzouse con moito ruído e grandes expectativas o ano pasado, pero ata a data non estivo á altura do que se esperaba.

Nguyen e Banic marcáronse o obxectivo de crear un dispositivo barato que funcionase como input universal para máis ou menos calquera dispositivo de computación. E querían que fose o máis pequeno e práctico posible para que se puidese transportar doadamente.

O resultado é o 3DTouch, un dispositivo en forma de dedal que se coloca na punta do dedo e está equipado cun acelerómetro 3D, un magnetómetro 3D e un xiroscopio 3D. Isto permite comparar e combinar os datos de cada sensor para producir un cálculo moito máis preciso da orientación que se só se usase unha única medida. Ademais, o 3DTouch ten un sensor de fluxo óptico que mide o movemento do dispositivo contra unha superficie en dúas dimensións, exactamente igual que nun rato normal.

Futuro sen fíos

De momento, o dispositivo está enganchado por un cable a un controlador Arduino que combina os datos de todos os sensores e a información integrada envíase a un portátil convencional. Nguyen e Banic admiten a aparatosidade desta montaxe. “Esta conexión con cable poderá substituírse por unha solución sen fíos usando un par de módulos XBee”, sosteñen.

A capacidade de coñecer a súa orientación no espazo só é unha das características deste dispositivo. Nguyen e Banic tamén incorporaron unha serie de xestos como os que usamos co rato que permiten ao usuario interactuar con obxectos en 3D, seleccionándoos e arrastrándoos, por exemplo. Estes xestos inclúen un toque cun dedo, un dobre toque e un xesto de apertar. E poñer máis dun 3DTouch en varios dedos permíteche unha interacción multitoque.

Os investigadores probaron o seu novo dispositivo para medir a precisión que ten á hora de sinalar e afirman que é razoablemente boa. Explican que se pode mover un obxecto tridimensional nunha zona de 84 x 84 mm cun erro de posicionamento de só 1 mm.

E, ademais, afirman saber que modificacións poderían melloralo doadamente, como un sensor óptico máis fiable. Dados os compoñentes usados, o 3DTouch debería ser relativamente barato, pero Nguyen e Banic non chegan a dicir exactamente canto podería custar.

En termos xerais estes investigadores tráense entre mans un dispositivo interesante que é posible que chegue no momento preciso. Nguyen, Banic e os seus compañeiros afirman que funcionará con dispositivos xa existentes como un PC de sobremesa ou un Ámbito Virtual Autónomo Cave.

E nos últimos meses empezaron a aparecer toda unha serie de dispositivos de realidade virtual prácticos como Oculus Rift e Google cardboard. Unha forma barata e doada de interactuar con estes novos dispositivos de realidade virtual podería resultar tremendamente útil.

Aínda é pronto para dicir se o 3DTouch cumprirá este papel, pero sen dúbida existe un oco no mercado.

(Fonte: Technology Review)