O recoñecemento da iniciativa, que conta cun presuposto de 1,8 millóns de euros, supón unha achega europea do 60% a fondo perdido. Ademais da Universidade de Vigo, participan dúas spin-off (Quantum Innovative e Hércules Control), o Cetmar e as empresas ACSM e Grupo Josmar, relacionadas ambas as dúas co sector marítimo.
O proxecto LifeDemoWave desenvolverase durante tres anos e “tratará de demostrar a viabilidade do uso da enerxía das ondas para a xeración eléctrica en zonas de alta densidade de enerxía”, tal como explicou o coordinador e comisionado do Vigo Tecnolóxico, José Antonio Vilán.
Para demostralo instalaranse dous prototipos de xeración undimotriz de 25 quilovatios cada un (un hidráulico e outro mecánico) case con toda probabilidade na zona de experimentación de Punta Langosteira. Os xeradores funcionarán dentro de dous anos, ao centrarse a primeira fase do proxecto no deseño e construción destes.
“A potencia dos prototipos é pequena, pero a idea é que se poida escalar”, explica Vilán. De feito, os investigadores esperan desenvolver xeradores comerciais con vinte veces máis potencia, o que significaría uns 500 quilovatios como mínimo.
O consorcio tratará de demostrar a capacidade técnica e de supervivencia dos dous prototipos en condicións extremas, tendo en conta os temporais nas costas galegas. “Calquera equipo mecánico sofre condicións moi esixentes, demostrando así a robustez ante condicións de mar ata Beaufort 8”, apunta José Antonio Vilán.
O reitor, Salustiano Mato, destacou durante a presentación do proxecto no campus vigués, a súa importancia ao ser exportables os resultados a calquera outro lugar de Europa e marcar as futuras políticas ambientais comunitarias.
Energy Mare
O aproveitamento das ondas para xerar electricidade é tamén o obxectivo do proxecto europeo denominado Energy Mare, que lidera a Xunta -a través do Inega- e que intentará analizar as posibilidades que ofrece a enerxía undimotriz (tamén coñecida no mundo científico como olamotriz) en puntos concretos de ampla liña de costa de Galicia. O devandito plan conta cun presuposto de tres millóns de euros, dos que a Consellería de Industria achega un 20%, e un dos seus primeiros pasos será a creación dunha zona de experimentación en punta Langosteira, Arteixo, xunto ao porto exterior coruñés, unha das zonas costeiras nas que se teñen medidas as ondas de maior altura da comunidade e que considerada como idónea para implantar o sistema.
(Fonte: La Voz de Galicia)