Un consorcio galego idea controlar contedores con visión artificial

A loxística en contedores para transportar as mercancías é clave en moitos sectores e, para mellorar o seu sistema de control e calibración, tres empresas galegas (Izmar, Syspro Ingeniería e Info JC) e o centro tecnolóxico Aimen teñen en marcha un proxecto para crear un sistema intelixente, a través de tecnoloxías de visión artificial, que permitirá facer o control a distancia e no que invisten máis de medio millón de euros.

O sistema Vision Rack, que se presentou recentemente nas instalacións de Izmar, está especialmente ideado para o sector da automoción pero os seus impulsores tamén cren que se podería introducir no sector agroalimentario e na distribución polas melloras de competitividade que pode ofrecer ao cliente.

Actualmente o control de contedores ten “un baixo grao tecnolóxico e de automatización” e o “proceso de calibración é laborioso e non hai como almacenar eses datos”, explicou Miguel Carmody, director técnico de Syspro, empresa provedora de PSA e que é a encargada da visión artificial no proxecto Vision Rack. Este sistema que desenvolven permitiría introducir o contedor nunha cabina e baleirar os datos de resultado nun dispositivo.

Outra pata do proxecto é Izmar, un amplo grupo industrial que ten entre as súas ramas de actividade as transformacións metálicas e traballa co sector da automoción. Izmar xa realiza servizos de mantemento de contedores para numerosas plantas de automoción de España “e os nosos clientes dinnos que necesitan maior precisión, instalacións máis automatizadas e niveis de tolerancia máis esixentes”, explicou Laureano Pérez, director xeral.

A terceira pata é a firma tecnolóxica Info JC, que se encarga neste proxecto da xestión dos datos e, o máis importante, “a súa seguridade”, tal e como subliñou o seu socio director, Jorge Cebreiros.

O proxecto está subvencionado pola Axencia Galega de Innovación (Gain) e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Francisco Izquierdo, presidente do Grupo Iz, cerrou a presentación deste innovador sistema asegurando que “as cousas non se poden facer como hai tres anos” e que “a nosa competencia evolucionou e é imperativo producir máis barato, porque a calidade dáse por feito, cumprir os prazos e innovar”, como claves de futuro.

(Fonte: Atlántico Diario)