Un consorcio europeo crea un robot que mellora a calidade de vida das persoas maiores

Aos seus 94 anos, Lea Mina Ralli non podía vivir soa, pero desexaba seguir na súa casa. Esta anciá italiana foi unha das primeiras en probar o sistema GiraffPlus: un robot que asiste as persoas maiores nos seus fogares, conéctaas coa súa familia, amigos e cos profesionais da asistencia sanitaria.

O sistema foi desenvolvido por un consorcio europeo, liderado pola Universidade de Örebro (Suecia), conta con importantes achegas da Universidade de Málaga e do Servizo Andaluz de Saúde.

Segundo explica a Sinc Carlos Gutiérrez-Castañeda, director da Unidade de Xestión Clínica do distrito sanitario Costa do Sol, o sistema xa está sendo probado con tres persoas en Andalucía e proximamente incorporaranse outros dous prototipos mellorados.

“Un dos voluntarios máis veteranos é un señor de 84 anos que leva un ano usándoo. Utilízao para conectarse co noso servizo de saúde e cos seus familiares. Todos os usuarios son persoas maiores que viven de forma independente”, sinala.

Algunhas das melloras dos prototipos de GiraffPlus están sendo desenvolvidas por un equipo dirixido por Javier González, catedrático de Robótica da Universidade de Málaga. “Estámonos a encargar de que as novas versións do robot teñan maior autonomía e tamén somos responsables de toda a integración tecnolóxica do proxecto, indica González.

A Comisión Europea prevé que o sistema estea listo para a súa comercialización a finais de 2015. “O plan é establecer unha comisión inicial e unhas cotas de aboamento mensuais que o fagan competitivo en comparación cuns coidados a tempo completo cada vez máis caros”, subliña a institución nun comunicado.

Calcúlase que o mercado da UE dos robots e dispositivos de asistencia ás persoas de idade avanzada alcanzará 13.000 millóns de euros de aquí a 2016.

En GiraffPlus investíronse tres millóns de euros procedentes das arcas da UE. O sistema inclúe sensores e un robot. Os sensores están deseñados para detectar actividades como cociñar, durmir ou ver a televisión e para efectuar un seguimento da saúde -a presión sanguínea ou o nivel de azucre en sangue-, por exemplo.

Seguimento a distancia

Deste modo, os sensores permiten ao coidador dunha persoa realizar un seguimento a distancia do seu benestar desta ou comprobar se caeu. O robot desprázase polo fogar e permite aos familiares, aos amigos e aos coidadores visitar virtualmente a persoa.

Segundo a Comisión Europea, en Europa, as persoas de máis de sesenta e cinco anos teñen unha renda dispoñible de máis de 3000 millóns de euros e unha gran parte deste importe reinverterase na economía dos coidados.

Stephen von Rump, director xeral de Giraff Technologies, unha das empresas integrantes do consorcio, di que o mercado da UE dos robots e outros dispositivos de asistencia aos maiores alcanzará os 13.000 millóns de euros de aquí a 2016.

GiraffPlus estará presente en quince fogares a finais de 2014, indica Amy Loutfi, coordinadora do proxecto na Universidade de Örebro.

“Actualmente, estamos a realizar as avaliacións e comprobamos que algúns aspectos do sistema son valorados de forma diferente dependendo dos usuarios. Isto quere dicir que unha formulación única para a tecnoloxía doméstica non é necesariamente a solución óptima. A tecnoloxía debe ser adaptable e adaptarse ás necesidades das persoas”, conclúe.

O consorcio GiraffPlus componse de socios públicos e privados de Italia, Portugal, Eslovenia, España, Suecia e o Reino Unido.

(Fonte: SINC)