Un consorcio de empresas liderado por AMSlab desenvolve un proxecto para verificar a sustentabilidade no sector téxtil

Temos un só planeta, así que o mellor será coidalo. Esa é a premisa sobre a que se quere e se debe construír o futuro, e a que dá sentido ao novo proxecto que a empresa AMSlab e outras catro empresas galegas puxeron en marcha no ámbito téxtil.

O consorcio, no que laboratorios e empresas de software van da man, comezou a traballar para sacar adiante solucións comercializables que certifiquen a sustentabilidade no sector téxtil. A grosso modo trátase de verificar que os produtos que se amparan baixo o paraugas da sustentabilidade realmente o sexan.

“Resumindo, temos dous problemas, o primeiro é que non somos capaces de medir a sustentabilidade, e o segundo é que hai un problema de fraude ao consumidor”, contextualizou Manuel Lolo, CEO de AMSlab para explicar todo o que teñen entre mans. Que é moito.

Durante os próximos tres anos, e cun financiamento de 1,3 millóns de euros con apoio público, o consorcio que lidera a empresa lucense e que integran Mestrelab Research, 2xMil, Xenotechs Laboratorios e Organistry intentará crear solucións coas que se poidan asegurar que o que recollen as etiquetas responde á verdade e que os procesos son acordes co modelo sustentable cando así o pregoan.

O primeiro reto é desenvolver ferramentas para autenticar en laboratorios as fibras e tecidos con criterios sustentables, avaliar e mellorar a seguridade dos materiais que se empregan na devandita moda e impulsar un servizo integral «chave en man» para controlar o impacto ambiental nas augas de provedores.

Test con garantías

Máis alá dos grandes enunciados, o consorcio de empresas biotecnolóxicas galegas desenvolveu unha lista de obxectivos concretos. Para comezar, intentarán crear un test que detecte a presenza de algodón xeneticamente modificado en tecidos que sexan, en teoría, algodón orgánico. O mesmo sucede cos tecidos veganos e tamén cando a etiqueta poña que se trata de fibras naturais rexeneradas ou sintéticas recicladas. Que todo iso cumpra coa declaración comercial.

Pero a folla de ruta que o consorcio galego emprendeu vai máis alá. Dun tempo a esta parte é cada vez máis habitual atopar informacións que alertan sobre como as microfibras se coaron na cadea alimentaria a través dos océanos. Por iso o consorcio galego busca desenvolver un test que categorice a tendencia dun fío ou tecido a liberar esas microfibras durante o lavado. Dese modo poderase prever o seu impacto ecolóxico. Ademais, afondarán na análise dos riscos que se han de controlar no ámbito das fibras sustentables.

Colorantes seminaturais

Ademais de fiscalizar fibras e tecidos, o consorcio galego traballará en desenvolver colorantes seminaturais como alternativas aos de orixe química, e con melloras tecnolóxicas respecto aos naturais. E, como fórmula para completar a cadea, proxectarán un dispositivo que permita monitorizar de forma continua e analizar in situ as augas residuais da industria téxtil, un sector agora deslocalizado e dinámico cuxa facturación en Galicia supera os 20.000 millóns ao ano.

(Fonte: La Voz de Galicia)