Cada vez son máis os consumidores que valoran a orixe dos produtos ou que estes sexan respectuosos co medio ambiente. E a madeira é un deses materiais á alza, pero dos que non sempre se sabe pór en valor o seu carácter sustentable. Por iso a Consellería do Medio Rural, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), deseñou unha ferramenta destinada a que o consumidor, consultando un simple código QR, poida coñecer todo o proceso que seguiu a madeira até acabar no produto que ten diante. A ferramenta está case rematada e foi presentada hai unhas semanas ao sector.
«O que deseñamos son dúas ferramentas. Unha para que o operador da madeira, desde a súa oficina, poida introducir todas as operacións que se fan desde que se corta ata que se xera o produto. E iso poden facelo todos os operadores que interveñen no proceso», explica Jacobo Aboal, subdirector de Recursos Forestais. A segunda pata do proxecto é o deseño dos códigos QR, «que che din exactamente de onde saíu esa madeira, a que centro de transformación se levou e como todos os axentes que interviron no proceso foron elaborando o produto», engade. Por que pode resultar útil toda esta información? «Porque nos permite informar de onde saíu a madeira, que a curta desas árbores foi legal, se conta con algún tipo de certificación e até calcular a súa pegada de carbono», indica.
O proxecto bautizado como Fortra (Forest Traceability) busca axudar a pór en valor os produtos galegos elaborados con madeira a través dunha ferramenta de mercado de carácter comercial, que informará os clientes e consumidores das características que diferenciarán os produtos elaborados na comunidade dos doutras rexións. «Serve tamén para a exportación, para axudar a colocar o produto nos mercados. Entre dous produtos parecidos, o noso terá o plus de que o cliente poderá saber que a madeira coa que foi elaborado foi cortada de maneira legal e até a súa procedencia», engade Aboal.
Para polo en marcha optouse polo Blockchain, «unha tecnoloxía informática que ofrece moita credibilidade e transparencia porque toda a información grávase nun sitio público e non pode ser tachada nin corrixida», engade o subdirector. O sistema consiste nunha aplicación na que as empresas van rexistrando todos os pasos que segue a madeira. Un trámite que seguen todos os operadores que interveñen no proceso, de tal maneira que queda rexistrada toda a historia desde que a árbore é cortada ata que chega ao mercado.
Fonte: La Voz de Galicia