“Imos cubrir un robot humanoide con pel artificial”, resume Lanillos, investigador da Universidade Tecnolóxica de Múnic, en Alemaña. A pel, desenvolvida no seu laboratorio, posúe múltiples sensores para medir a presión, a temperatura e mesmo a proximidade dun obxecto, como faría unha auténtica pel humana. Na actualidade, os robots non teñen tacto. A adquisición dese novo sentido permitiría aos humanoides crear “un mapa sensorial”, en palabras de Lanillos. “Quero que os robots entendan a relación entre as accións que realizan e as sensacións que reciben, para saber onde está o seu corpo en cada momento”, explica o enxeñeiro, armado con algoritmos de aprendizaxe.
Un dos libros favoritos de Lanillos é O erro de Descartes, de Antonio Damasio. Na obra, o neurocientífico de orixe portuguesa derruba o famoso “Penso, logo existo” do filósofo francés, que sostiña que a mente existe de forma independente ao corpo. “Non todo é codia prefrontal”, sentencia o enxeñeiro madrileño, en referencia á rexión do cerebro involucrada nos pensamentos complexos.
“Un ordenador pódeche gañar ao xadrez, pero nunca vai coller a ficha do taboleiro. ¿Por que non intentamos que un ordenador aprenda a escribir con Cadernos Rubio todo o verán? É moito máis complicado, pero queremos facer robots que realmente aprendan”, sinala. Na súa opinión, que unha máquina se recoñeza a si mesma é unha condición necesaria para actuar de xeito voluntario e “mesmo para ter pensamentos abstractos”.
Os fabricantes de robots anunciaban en 2010 a inminente multiplicación das vendas de robots asistenciais, capaces de interactuar con persoas para axudalas ou facerlles compañía. Non aconteceu. A Federación Internacional de Robótica calcula agora que entre 2016 e 2019 se venderán 8100 robots humanoides asistenciais e outros oito millóns de robots de xoguete en todo o mundo.
Progresión imparable
O enxeñeiro español cre que a progresión é imparable. Ao seu xuízo, “estamos máis preto de robots que poidan camiñar por unha casa, axudarnos e facernos compañía, interactuar e mirándonos os ollos”. Hoxe aínda parece ciencia ficción, pero hai 20 anos case ninguén tiña nin teléfono móbil nin dirección de correo electrónico.
“A visión da robótica en Xapón é considerar os robots como iguais, como entes cos que te podes relacionar. En Europa, en cambio, vemos os robots como escravos”, reflexiona Lanillos. O seu traballo está coordinado por Gordon Cheng, director do Instituto de Sistemas Cognitivos da universidade alemá e curtido na escola xaponesa. “Non hai que ter ningún medo. Canto máis coñecemento teñan os robots do seu corpo, máis seguros estaremos. Un robot que entenda que tocou a un ser humano pode aprender para non facerlle dano”, sinala Lanillos.
“Este proxecto é de primeira orde”, opina Selmer Bringsjord, director do Laboratorio de Intelixencia Artificial e Razoamento do Instituto Politécnico Rensselaer, en EE.UU. En 2015, Bringsjord anunciou que as súas máquinas solucionaran un clásico problema de lóxica. O investigador comunicou a tres dos seus robots humanoides que dous deles recibiran unha pílula que lles impedía falar. A misión dos tres era adiviñar cal deles aínda podía emitir sons. Ao cabo dun anaco, un dos robots dixo: “Non o sei”. Ao escoitarse, proclamou: “Perdón, agora si o sei”. Para o investigador, pódese afirmar que a máquina é consciente de si mesma.
Bringsjord recorda tamén o traballo pioneiro do científico Brian Scassellati, da Universidade de Yale (EE.UU.). Na última década, un dos seus robots, bautizado Nico, aprendeu a diferenciar o seu propio brazo entre outros obxectos en movemento. Ademais, Nico recoñece a súa imaxe nun espello, segundo os resultados publicados por Scassellati. En opinión de Lanillos, estes experimentos eran “moi simplificados, con poucas variables”, non como os que preparan agora na Universidade Tecnolóxica de Múnic.
O enxeñeiro español cre que os robots son, ademais, unha plataforma moi interesante para estudar como funcionan os animais e os humanos. Nas máquinas, os psicólogos cognitivos poden probar as súas hipóteses sobre a aprendizaxe. “Se un robot move o brazo diante dun espello moitas veces, e ve que o seu reflexo sempre se move, non fai falta facer unha grandísima reflexión sobre o eu. Así acontece en moitos animais”, opina Lanillos. “Hai primatólogos que din que os roboticistas estamos moi lonxe de entender que significa recoñecerse a si mesmo. Pero ao mellor os humanos somos máis robots do que cremos e non ao revés”.
(Fonte: El País)