Un cento de investigadores mozos defenden os seus proxectos na Galiciencia para levar o premio outorgado polo público

Os equipos de investigadores mozos responsables dos 34 proxectos que se expoñen a partir de hoxe e ata o vindeiro xoves na Galiciencia compiten desde os seus stands para convencer aos máis de 2.700 visitantes que se prevé recibir estes tres días no Auditorio de Ourense para que lles voten e levar así algún dos premios reservados aos mellores.
n
nNo día da apertura, os equipos de investigadores de secundaria chegados de toda Galiza e de Cataluña tiveron ocasión de presentarlle as súas maquetas e experimentos ao director xeral de I+D+I da Consellería de Innovación e Industria, Salustiano Mato, que visitou a feira esta mañá por tratarse dunha das actividades centrais da Semana da Ciencia en Galicia. Galiciencia está organizada pola Tecnópole –Parque Tecnolóxico de Galicia- e financiada pola Consellaría de Innovación e Industria.
n
nDurante a visita, Mato achegouse tamén ao stand do seu departamento na feira. I+D+i aproveita a celebración de Galiciencia para presentar aos rapaces a sétima edición do Premio Galicia Innovación Júnior. Este galardón é convocado anualmente coa intención de espertar nos mozos de entre 12 e 18 anos a curiosidade pola ciencia e pola tecnoloxía e o interese por innovar desde as aulas do ensino secundario.
n
nUn total de 43 grupos de máis de 35 colexios galegos están a visitar Galiciencia, que permanece aberta tamén ao público en xeral hoxe e mañá mércores de 9 a 14 e de 15 a 19 horas e o xoves de 9 a 13 horas. As visitas organizadas dos centros teñen lugar polas mañás, coa intención de que as familias e particulares poidan achegarse libremente no horario de tarde, aínda que tamén poden facelo pola mañá se o desexan.
n
nRobots, medio ambiente e solucións domésticas
n
nA representación xeográfica da Galiciencia combina as 18 iniciativas galegas coas 16 chegadas de Barcelona. A presenza galega está repartida entre as catro provincias. Encabeza a participación Pontevedra, con 7 proxectos, á que lle segue Ourense, con 6. Lugo e A Coruña presentan 3 e 2, respectivamente. Os institutos máis activos na exposición de proxectos son o Colexio Guillelme Brown de Pereiro de Aguiar (Ourense) e o Colexio Alborada de Vigo (Pontevedra).
n
nEntre os 34 proxectos defendidos por aproximadamente un cento de alumnos atópanse os máis variados obxectos de investigación. Ao interese dos investigadores polas feromonas e a relación das hormonas co amor, únese unha atención importante pola área das enerxías renovables, cun proxecto de bio-edificio ou varios métodos para obter enerxía a partir dos peixes, dos ascensores ou do aceite de cociña.
n
nAdemais, presentaranse dous robots: o multifuncional Kon, capaz de realizar catro tarefas diferentes (test, seguir liña, sortear obstáculos e seguir a luz), e o Viperbot 1.0, un robot de navegación autónoma coa función de vixiar o fogar en ausencia dos seus propietarios. A estes autómatas úneselles un prototipo de avión non tripulado capaz de detectar incendios forestais ao que posteriormente se dotará de intelixencia para decidir a ruta de voo, evitar obstáculos, etc.
n
nAs solucións para a mellora da calidade de vida desde un punto de vista doméstico están moi presentes nas ideas dos investigadores mozos, que presentan tamén un avisador de turbidez de auga para instalar nos grifos e unha base múltiple de tomas eléctricas (o coñecido como ‘ladrón’) máis eficiente cós convencionais.
n
nActividades paralelas
n
nTanto os grupos escolares como o público xeral están a asistir tamén ás conferencias do prestixioso divulgador científico Adolf Cortel, que teñen lugar entre hoxe e mañá mércores de 10 a 12 horas e de 18 a 19 horas. Cortel  explícalles aos asistentes as claves da electricidade estática a través de experimentos sorprendentes, que xa o ano pasado deixaron a máis dun cos pelos de punta.
n
nDurante o resto das horas non ocupadas polas sesións de Adolf Cortel teñen lugar os obradoiros ‘Forzas e enerxías’, destinados a demostrarlles e explicarlles con experiencias prácticas aos asistentes que os nosos corpos están sometidos continuamente a forzas e enerxías que nos resultan invisibles pero que nos afectan.
n
nNo Auditorio está a haber tamén continuas proxeccións dun ciclo de tres documentais e 10 capítulos do programa de TVE "Tres 14", cos que rapaces e maiores poderán achegarse dunha maneira amena a temas como a xestión dos recursos naturais, a clonación ou a arquitectura.
n
nActividades na rúa
n
nAdemais, como novidade, este ano ponse en marcha a ‘Galiciencia na rúa’, que está a desenvolver obradoiros/exposicións nas Galerías Comerciais Sol, nas Galerías Centrais e nos Xardíns Bispo Cesáreo da cidade de Ourense. Estas actividades, dirixidas a rapaces pero tamén a adultos, son un proxecto conxunto do CIS Madeira; o Centro Tecnolóxico da Carne e da Calidade Alimentaria; o Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia e a Asociación Animacción, que contan co patrocinio da Consellaría de Innovación e industria e Caixanova.
n
nEn cada emprazamento habilitouse un espazo sobre unha temática diferente (segundo as áreas de traballo das entidades implicadas) no que os participantes poden coñecer algo máis dos seus ámbitos de traballo a través de paneis expositivos e obradoiros dirixidos por monitores. Os espazos son ‘Ciencia de madeira’; ‘Medindo o mundo’, centrado na medición de propiedades físicas, químicas e biolóxicas; e ‘Camiñando polo Universo’, que conta con espectaculares fotografías para aprender un pouco máis sobre a astronomía e cosmoloxía.