Un avance tecnolóxico mellorará a eficiencia na fabricación das pezas de avións

O centro tecnolóxico IK4 está colaborando nun proxecto europeo, liderado por Rolls-Royce, que busca a utilización de tecnoloxía aditiva mediante láser en sistemas de fabricación da industria aeronáutica.

Reducir os custos ambientais na fabricación das pezas dos motores de aviación, incrementar a liberdade do seu deseño e diminuír o consumo de combustibles e as emisións de gases contaminantes son algúns dos beneficios derivados da aplicación das modernas técnicas de fabricación aditiva na industria aeronáutica.

Neste contexto, a Alianza Tecnológica IK4 participa no ambicioso proxecto europeo Merlin, liderado pola multinacional Rolls-Royce, co obxectivo de acercar os avances tecnolóxicos da fabricación aditiva de metais ao mercado dos compoñentes de motores de aviación.

Os métodos tradicionais que se empregan na fabricación de pezas para os motores aeronáuticos na actualidade implican o uso de técnicas de subtracción de material, que xeran chatarra en contías moi significativas e directamente proporcionais á complexidade da xeometría elaborada.

Menor impacto ambiental

Un dos obxectivos dos investigadores do proxecto Merlin é demostrar que as técnicas de fabricación aditiva como a fusión selectiva por láser (SLM) e a deposición de metal mediante láser (LMD) poden ser aplicadas á fabricación de partes de motor e contribuír así a reducir o impacto medioambiental do transporte aéreo.

O responsable do proxecto en IK4, Jaime Ochoa, asegura que o uso destas tecnoloxías permite o deseño de estruturas optimizadas e de xeometrías máis complexas debido á súa gran liberdade de deseño. Deste modo é posible fabricar compoñentes cunha elevada eficiencia na utilización de material, xa que se emprega “onde fai falta”.

Segundo Ochoa, o ratio buy-to-fly da industria aeronáutica nestes momentos, parámetro que mostra a relación entre o peso da peza final e a cantidade de material necesaria para a obtención da xeometría, é moi elevado e para ilustrar a súa afirmación explica que, segundo datos de Rolls-Royce, para fabricar un motor de 7 toneladas hai que partir dunha cantidade inicial de 28 toneladas, polo que se desperdicia o 75% do material.

Dentro do proxecto Merlin, IK4 céntrase no desenvolvemento de procesos para a súa aplicación na fabricación de pezas en materiais específicos e de validar metodoloxías de fabricación, deseño e reutilización de po, entre outras.

Cambiar as regras do deseño

O investigador considera que “a aplicación dos procesos de fabricación aditiva no sector industrial permitirán a manufactura de novas formas inalcanzables mediante os mecanismos tradicionais, estruturas máis lixeiras sen perda de eficiencia e incluso cambiar as regras do deseño. As tecnoloxías de fabricación aditiva permiten maior liberdade de deseño”, puntualiza.

Ademais de IK4, o consorcio de compañías e centros tecnolóxicos que forman parte do proxecto Merlin inclúe a Rolls-Royce, GKN, MTU, Turbomeca ou ITP, entre outros.

O proxecto, que ten unha duración de catro anos e conclúe o próximo 31 de decembro, contou cun presuposto total de sete millóns de euros, nos que a Comisión Europea contribuíu cunha achega de 4,8 millóns dentro do VII Programa Marco.

(Fonte: SINC)