Un atril pasapáxinas e unha base múltiple para conexións eléctricas gañan a VI edición do Premio Galicia Innovación Junior

Un atril cun sistema “pasapáxinas” e unha base múltiple para conexións eléctricas son os inventos gañadores da VI Edición dos Premios Galicia Innovación Junior, que a Consellaría de Innovación e Industria entregou esta maná no Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas (Ourense). Os rapaces clasificados en primeiro lugar foron Javier Blanco Cordero, do IES Santa Irene de Vigo, na categoría de 12 a 15 anos, e Yhordy Domínguez Rivera, do IES Universidade Laboral de Ourense, na categoría de 16 a 18 anos.

A Consellaría, a través da súa Dirección Xeral I+D+I, convoca anualmente este galardón coa intención de espertar nos rapaces e rapazas a curiosidade pola ciencia e pola tecnoloxía e o interese por innovar desde as aulas. Este ano presentáronse un total de 168 traballos chegados desde institutos de toda Galicia.

Unha mañá completa dedicada á innovación

Os rapaces e rapazas chegaron a San Cibrao das Viñas ás 10.30 horas en autobuses procedentes de diferentes vilas e cidades das catro provincias galegas. Antes de recoller os seus galardóns, os participantes, acompañados de pais, profesores e compañeiros, tiveron a ocasión de realizar visitas guiadas aos centros tecnolóxicos que están ubicados na Tecnópole.

Ao longo da mañá, coñeceron por dentro as instalacións e os proxectos de investigación que están a levar a cabo o Centro de Innovación e Servizos da Madeira, o Centro Tecnolóxico da Carne, o Laboratorio Oficial de Metroloxía (LOMG) e o viveiro de emprendedores da Tecnópole, no que visitaron as empresas Innova Auria, Sonen e Formato Verde.

Salustiano Mato, director xeral de I+D+i, presidiu o acto de entrega dos Premios. Acompañárono Ricardo Capilla, xerente da Tecnópole, Antonio González, director do LOMG; Francisco Pedras, director do CIS Madeira; Xoán Xosé Rodríguez Diz, director do Centro Tecnolóxico da Carne; e Francisco José Fernández López, Óscar Outumuro e Marcos Rodríguez, representantes das empresas do viveiro de emprendedores.

Como premio, os dous gañadores recibiron cadanseu ordenador portátil e unha cámara de vídeo dixital. Ademais, a Dirección Xeral de I+D+i, a través do Servizo Galego de Propiedade Industrial (SEGAPI), comprométese a asesorar aos autores no caso de que exista a posibilidade e o interese de solicitar a patente.

Os traballos clasificados en segundo posto en cada categoría recibiron como premio un ordenador portátil e os demais finalistas, seis por cada grupo, son recoñecidos cun accésit dotado cunha cámara de vídeo dixital. Ademais, os profesores Francisco García e Emilio Rodríguez, que acreditaron ter participado de xeito activo nos traballos de Javier Blanco e Yhordy Domínguez respectivamente, recibiron como premio un Tablet PC.

Imáns para cambiar a partitura

Javier Blanco foi premiado polo desenvolvemento dun sistema para pasar as páxinas colocadas nun atril dun xeito automático: o “atril pasapáxina”. A idea nace da súa propia experiencia tocando a trompeta. Nos atrís convencionais o músico debe cambiar de folla coa man ou contar con outra persoa que realice esta tarefa.

Tras Javier Blanco, clasificouse en segundo lugar Margarida Rodríguez Tilve, do IES As Lagoas de Ourense. O seu proxecto consiste nun sistema que advirte da turbidez de auga.

Solución aos problemas dos enchufes múltiples

O primeiro premio na categoría dos maiores foi para Yhordy Domínguez polo desenvolvemento dunha “Base múltiple para conexións eléctricas”, que presenta unha mellora respecto das bases tradicionais, permitindo que os cables dos distintos enchufes conectados ás tomas da base queden máis próximos entre si, co que se facilita o agrupamento.

A segunda clasificada foi Sarai Rodrigo, alumna do IES Agra do Orzán da Coruña, que deseñou un cubo para o lixo no que se utilizan caixas de cartón reciclable e que ten unha placa para prensar o lixo no seu interior. Ademais, podería aplicarse aos contentores da rúa.