A compañía galega Bahía Software, especializada en servizos TI e integración de solucións tecnolóxicas, forma parte do consorcio internacional Huter, que ten como obxecto a creación dun mapa celular do útero humano para comprender, célula a célula, todas as relacións e cambios xenéticos e proteómicos, incluíndo información espacial, involucrados neste importante órgano. Huter é un dos 6 proxectos piloto da iniciativa global “Human Cell Altas”, cuxo fin é o desenvolvemento dun mapa celular completo de todo o corpo humano, grazas á innovación e as novas tecnoloxías.
Un proxecto internacional de investigación celular
Bahía Software é a única empresa galega presente no proxecto Huter, que conta co apoio da Comisión Europea e enmárcase nunca iniciativa global que involucra a máis de 70 países e preto de 1.000 organizacións. Co nome de “Human Cell Altas”, esta iniciativa persegue o desenvolvemento dun mapa celular completo de todo o corpo humano, unha especie de “Google Maps” que sirva de guía aos investigadores e clínicos nas súas investigacións en campos de máximo interese como o cancro ou a medicina reprodutiva. Así, o proxecto Huter, no que participa Bahía Software, centrarase na creación dun mapa celular do útero.
Trátase dun traballo multidisciplinar e coordinado internacionalmente que involucra a varios expertos e que xera grandes volumes de información, frecuentemente en forma de imaxes extremadamente complexas. O traballo de Bahía Software consistirá, concretamente, na construción da infraestrutura tecnolóxica necesaria para garantir un intercambio áxil e seguro dos datos que xerará o equipo de investigación de Huter. Ao mesmo tempo, a tecnolóxica galega explorará algoritmos de conversión para que boa parte da información xerada poida ser compatible coas bases de datos e formatos máis habituais no sector médico.
O proxecto Huter, coordinado polo Instituto de Investigación Sanitaria INCLIVA (Valencia) e o Wellcome Sanger Institute (UK), comezou en Valencia o pasado 8 de xaneiro. Ademais de Bahía Software, participan tamén a institución de referencia internacional no mapeo de proteínas, Uppsala University (Suecia); o grupo de epixenética da University of East Anglia (UK), e o Competence Centre on Health Technologies (Estonia), como especialista en tecnoloxías para a medicina reprodutiva e fetal.
Tecnoloxía europea para a mellora da saúde
Huter está financiado cun total de 4,118 millóns de euros polo programa Horizon2020 da Comisión Europea, que financia outros 5 proxectos con máis 25 millóns de euros. E é que a creación dun mapa celular, que será posible grazas as últimas tecnoloxías de secuenciación de células únicas, servirá para profundar no estudo dos mecanismos de comunicación entre as preto de 37 millóns de células que existen no corpo humano, así como as implicacións e funcións asociadas á estrutura tridimensional que resulta do agrupamento das células en forma de tecidos e órganos.
Este traballo de investigación é esencial para a comprensión do funcionamento dos órganos e, polo tanto, para desenvolver novas medidas terapéuticas que axuden a paliar o sufrimento de millóns de pacientes.
Fonte: Faro de Vigo