Últimas dez prazas para o campamento tecnolóxico de verán

Parque Tecnolóxico de Galicia mantén aberto o prazo de inscrición para unha nova edición do único campamento tecnolóxico de verán que se celebra en Galicia. Os Tecnópole Technological Workshops (T2W) chegan á súa quinta cita anual o próximo mes de xullo e xa soamente quedan dez prazas dispoñibles.

O campamento terá lugar entre o 3 e o 14 de xullo en horario de mañá e tarde e estará dirixido a 40 rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos. Todos os participantes traballarán no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos con diferentes graos de complexidade en función das súas idades. Para facelo posible, o programa incluirá nocións sobre biotecnoloxía, deseño de aplicacións móbiles e videoxogos, creatividade, biotecnoloxía, etc. Este ano as actividades estrela serán de novo a robótica e a programación, con sesións de formación todos os días do campamento.

Os dous mellores proxectos desenvolvidos polos alumnos e alumnas durante o campamento terán asegurada a súa participación na próxima Galiciencia, no mes de novembro.

Aínda que a inscrición está aberta a estudantes de toda Galicia sen restricións, a proximidade xeográfica recomenda a actividade para persoas que residen ou mesmo que pasan o verán na provincia de Ourense.

As actividades do campamento están deseñadas en función das idades dos participantes. En calquera caso, os obxectivos que se perseguen son comúns e consisten no desenvolvemento da capacidade resolutiva e innovadora e na dinamización da axilidade mental e da creatividade. Ademais de procurar que os alumnos e alumnas adquiran novos coñecementos tecnolóxicos, preténdese potenciar neles actitudes como o respecto mutuo, a colaboración e a socialización, xunto con habilidades relacionadas con falar ben en público e a práctica do inglés.

Os monitores e profesores son expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e no resto das materias que se van desenvolver na academia, aplicando unha metodoloxía dinámica, participativa, flexible, integradora e adaptada a cada tipo de idade.

O custo por participante será de 290 euros con todo incluído, dende o transporte dende varios puntos da cidade de Ourense ata a comida e todas as actividades.

(Fonte: Tecnópole)