Xa está en marcha a segunda edición de “Galicia Avanza”, o programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras. É unha iniciativa que arrancaba en 2022, froito da colaboración entre a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia.
Nesta convocatoria aumentou a participación nun 43%, con representación das catro provincias galegas. As pemes seleccionadas accederán a un programa integral de apoio á internacionalización entre abril deste ano e febreiro de 2024, con itinerarios personalizados. Traballarase na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais, na detección de posibles colaboracións con outras empresas, no acceso a novos segmentos de clientes, na innovación e en incrementar a atracción de financiamento externo, entre outros aspectos.
Empresas de novas tecnoloxías, alimentación, saúde, enerxía, téxtil…
As pemes beneficiarias pertencen a sectores moi diversos e ofrecen produtos e servizos moi dispares. No eido das novas tecnoloxías seleccionouse una empresa que emprega a identificación por radiofrecuencia e a visión artificial para a xestión de inventarios e a trazabilidade das cadeas de subministración; outra que persegue internacionalizar a súa plataforma destinada a optimizar a relación entre as entidades sanitarias e as aseguradoras do campo da saúde; unha plataforma baseada na tecnoloxía blockchain que permite ás organizacións sen ánimo de lucro xestionar as súas doazóns de maneira dixital; unha firma que desenvolve robots limpacristais, fregasolos e robots que limpan paneis fotovoltaicos; un sistema baseado na tecnoloxía IoT (Internet das Cousas) que permite a monitorización das cafeteiras espresso e dos muíños de café para a canle food service; un sistema robótico para a recollida e apilado de pezas a granel; xunto a unha plataforma web para apoiar o estudo e realización de instalacións medioambientais cun grande aforro de tempo e recursos.
No campo alimentario vaise impulsar a internacionalización dunha firma que fabrica estoxos para conxelados e embalaxe para conserva de peixe; outra que quere comercializar entre o sector industrial alimentario internacional o seu coñecemento na produción de ovos e produtos derivados do ovo; unha consultoría centrada no sector pesqueiro e agroalimentario; unha empresa que comercializa cocktails; unha firma familiar que vende polbo ultraconxelado; outra que elabora complementos alimenticios en formato gominola, sen azucre nin alérxenos, e gominolas sen azucre; ademais dunha fábrica de chocolate artesá.
No ámbito da saúde hai unha peme que desenvolve técnicas baseadas na fluorescencia para o descubrimento de novos fármacos; a primeira plataformAPP especializada en formación e teleformación para o sector sociosanitario; así como un acumulador de auga quente sanitaria.
Varias das propostas céntranse no eido enerxético, como unha firma referente a nivel mundial na formación eólica que busca a exportación directa dos seus cursos; outra que ofrece produtos e servizos relacionados co hidróxeno verde e a súa implantación en procesos industriais actuais ou para novas aplicacións como dispensadores de hidróxeno para vehículos industriais; e outra que quere reforzar a exportación dos seus produtos de caldereiría e frío industrial.
No campo da sostibilidade, seleccionouse unha firma especializada no deseño e fabricación de cociñas orgánicas e sostibles; unha empresa dedicada á fabricación artesanal de calzado infantil, con materiais reciclados, ecolóxicos e naturais; outra que desenvolve fertilizantes minerais innovadores e sostibles; xunto a unha peme que busca internacionalizar a súa braga menstrual de baixo impacto ambiental.
Entre as beneficiarias, hai tamén unha empresa dedicada á xestión de riscos biolóxicos e á fabricación de embalaxes para o transporte de materias biolóxicas; unha tecnolóxica que busca expandir e implementar o seu sistema para a xestión da auga en Angola e Tanzania; unha empresa que deseña e elabora produtos para profesionais do viño e a restauración; unha peme que fabrica pixamas e roupa de casa; e unha consultoría que axuda ás empresas a resolver problemas ligados á perda de competitividade debida á mala saúde ou desmotivación dos seus traballadores.
Máis información: https://tecnopole.es/galiciaavanza
Fonte: Tecnópole