O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas “Galicia Avanza” púxose en marcha como resultado da colaboración entre a Vicepresidencia primeira e a Consellería de Economía, Empresa e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Nesta iniciativa van participar 30 pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade, seleccionadas entre as 42 presentadas.
O obxectivo do programa é que solucións innovadoras galegas, de calquera ámbito ou sector, dispoñibles ou moi próximas ao mercado, alcancen a presenza e/ou o fortalecemento no mercado exterior no menor tempo posible. Aspírase a que consigan reforzar a súa consolidación no mercado internacional, cunha visión de crecemento escalable e sostible a medio prazo; ademais de incrementar a atracción de financiamento externo, maximizando a captación de fondos públicos ou privados. Traballarase ademais na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais e na detección de posibles colaboracións con outras empresas, entre outros aspectos.
O programa apoiará a empresas de sectores moi diversos: alimentario, sanitario, TIC, turístico, enerxético, biotecnolóxico, ata aeroespacial
As pemes seleccionadas pertencen a sectores moi diversos e ofrecen produtos e servizos moi dispares, como unha copa menstrual elaborada con silicona platino, mobiliario e outros produtos de deseño fabricados con plástico reciclado, unha empresa do eido aeroespacial dedicada ao desenvolvemento e fabricación de pequenos satélites que busca posicionarse como provedor de referencia na subministración de misións completas, unha firma que comercializa un módulo de vivenda a partir de contedores marítimos destinado principalmente a campings, ata unha empresa dedicada ao desenvolvemento e comercialización de produtos biolóxicos para o control de pragas e enfermidades no ámbito agroforestal.
No eido turístico hai unha axencia especializada na venda de cruceiros turísticos que quere comercializar internacionalmente unha serie de experiencias locais vencelladas á identidade marítima da Coruña e As Mariñas, unha empresa dedicada á comercialización online de estadías en spas, así como unha firma que avanza na xestión do check-in automático en hoteis.
Do sector alimentario seleccionouse unha empresa que fabrica e comercializa embutido 100% vexetal sen cereais e sen conservación en frío, unha compañía biotecnolóxica que busca introducir a quimosina para o callado do leite, unha firma centrada na elaboración de produtos derivados do porcino que precisa apoio para a produción dunha liña de produtos ecolóxicos sen aditivos para a súa venda no mercado europeo, unha bodega que quere afianzar a internacionalización do seu viño albariño ecolóxico, ou un sistema capaz de analizar as claves para garantir o éxito sensorial dos produtos agroalimentarios.
No eido da biotecnoloxía, apoiarase unha plataforma para o procesado automático de neuroimaxes asistido por Intelixencia Artificial; unha empresa que obtén e comercializa biotoxinas mariñas con interese para as industrias agroalimentaria, téxtil e cosmética; unha firma que pretende aproveitar o auxe internacional da cosmética natural e ecolóxica mediante un aceite ozonizado con propiedades antisépticas, antioxidantes, cicatrizantes e rexenerantes que eles mesmos producen.
No campo da saúde, seleccionouse unha ferramenta para a dixitalización do servizo de alimentación en hospitais e residencias, unha plataforma que optimiza o proceso de asignación e planificación dos pacientes e recursos das unidades de radioterapia oncolóxica, ademais dun software de análise de datos para a súa aplicación nas primeiras fases de descubrimento de fármacos.
Varias das propostas céntranse no ámbito enerxético, como un sistema de monitorización de redes de distribución eléctrica de media e baixa tensión; unha empresa que desenvolve, fabrica e comercializa innovadores dispositivos de acumulación, xestión e transformación de enerxía portátiles para os sectores aeronáutico e industrial; e unha empresa de servizos asociados a parques eólicos e aeroxeradores.
O sector TIC está presente a través dunha oficina virtual de atención cidadá, unha plataforma baseada en tecnoloxía WebRTC que permite a operadoras e grandes empresas crear casos de uso personalizados extendendo as redes de comunicación VoIP a calquera dispositivo que teña conexión a internet, ou unha ferramenta que axuda á toma de decisións con utilidade para a análise e avaliación de políticas locais e rexionais.
Seguirase unha folla de ruta personalizada con cada empresa
O programa ten unha duración de oito meses. Durante os dous primeiros, titores expertos prepararán itinerarios personalizados con cada unha das empresas. Durante os seguintes seis meses, identificaranse e contrataranse aos provedores de servizos profesionais. De maneira paralela, as beneficiarias poderán acceder a unha carteira de mentores experimentados e recibirán formación específica en internacionalización.
Máis información: https://tecnopole.es/galiciaavanza.
Fonte: Tecnópole