Trinta anos de Tecnópole: do tímido arranque a polo tecnolóxico

O Parque Tecnolóxico de Galicia acaba de cumprir trinta anos. A inauguración oficial da Tecnópole tivo lugar o 10 de outubro de 1992 e estivo presidida polo aquel entón presidente da Xunta, Manuel Fraga Iribarne. Non foi un parto sinxelo. Falar de tecnoloxía fai tres décadas non era doado e menos nunha provincia de interior como Ourense, pero a aposta consolidouse co paso do tempo até converterse nun polo tecnolóxico da comunidade. O investimento inicial da Xunta foi de 5.000 millóns de pesetas (uns 30 millóns de euros) para levantar un complexo que contaba no seu arranque co Centro de Empresas e Innovación (CEI) e ao que se esperaban sumar tres institutos: medio ambiente, agroalimentario-forestal e de estradas.

Na xornada inaugural, o conselleiro de Empresas e Innovación, Juan Fernández, aseguraba que cinco empresas xa solicitaran unha parcela e que outras oito demandaban un nicho. Na súa primeira fase, a Tecnópole ocupaba unhas 550 hectáreas distribuídas en 67 parcelas. Esas cifras están moi lonxe das actuais, xa que o Parque Tecnolóxico de Galicia cumpre trinta anos con 103 empresas nas súas instalacións que ocupan o 73% das parcelas dispoñibles. Por este recinto pasaron 388 firmas e centros tecnolóxicos. A facturación anual das empresas alí instaladas supera a barreira dos 300 millóns de euros e dan emprego a máis de 1.500 persoas.

Liña do tempo

Tras uns inicios titubeantes e con tormenta política -desde diferentes puntos de Galicia presionouse para que non fose a única destas características en Galicia e se limitase a un centro provincial-, o primeiro persoal contratouse en abril de 1993. Nese mesmo ano chegou a primeira empresa ás súas instalacións. Trátase da tecnolóxica Egatel, que cunha facturación anual de 6,2 millóns, iniciou a súa actividade nun modesto niño do edificio CEI. Despois chegaron Insigal e Andel. Nesa mesma época, a Tecnópole inscríbese na Asociación Internacional de Parques Científicos e Áreas de Innovación e en decembro acolleu a reunión da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE). Naquel momento só tiña nove membros, agora roza os sesenta.

Na década dos noventa déronse unha serie de fitos que colaboraron de forma definitiva ao impulso do parque. En 1994 abriu as súas portas o Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, que é un dos cinco centros tecnolóxicos operativos. Un ano máis tarde nace o CIS-Madeira. En 1997, Coren comezaba a construción do seu centro tecnolóxico de incubación, nunha clara aposta da principal cooperativa agroalimentaria de España. O crecemento do Laboratorio de Metroloxía e do CIS-Madeira fai que presenten os seus proxectos para mudarse ás instalacións que ocupan actualmente. Foi a finais desa década tamén cando comezou o despegamento da ocupación de parcelas. A téxtil Roberto Verino e a aeronáutica Coasa reservaban parcelas no parque para instalar un centro de I+D e unha fábrica, respectivamente. Nese mesmo ano, dúas novas empresas nacen con naves propias: Laddes Works, tamén do sector da aeronáutica, e Celcoauto, da automoción. Á súa vez, Egatel múdase do edificio CEI a un edificio propio.

Co cambio de século, a aposta tecnolóxica empeza a facerse máis evidente. Así, no ano 2000 ponse en marcha o primeiro portal de business to business (B2B) da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Un ano máis tarde, comeza outra das vertentes máis recoñecidas da Tecnópole; a que ten que ver coa divulgación. Realízanse as primeiras actividades da Semana da Ciencia e a Tecnoloxía.

É unha época de cambios no accionariado, no que entran as tres universidades galegas. No 2006 créase o xerme de Galiciencia, aínda baixo o nome de Expociencia até o 2008, e que se converteu nun referente de divulgación para a Tecnópole. Logo chegarían as Aulas Tecnópole (2011) e o primeiro espazo de coworking (2012). Co avance da tecnoloxía, e da man de empresas punteiras, o Parque Tecnolóxico mantense como referente no sector.

Fonte: La Voz de Galicia