Tres proxectos optan a estrear a Preincubadora de Empresas da Tecnópole e a Universidade de Vigo

Finalmente serán tres os proxectos que competirán por instalarse na Preincubadora de Empresas promovida por Tecnópole e a Universidade de Vigo. Unha vez rematado hai uns días o prazo de presentación de propostas, as candidaturas serán sometidas a avaliación e as ideas emprendedoras escollidas obterán de balde un espazo para o seu desenvolvemento, ademais de beneficiarse de actividades de formación e asesoramento gratuítos.
O proceso de avaliación comezará cunha entrevista persoal a todos os candidatos e candidatas realizada por un panel de expertos na que se avaliará a idea e a súa adecuación á convocatoria. Posteriormente unha comisión de selección estudará os proxectos finalistas e escollerá aos gañadores.

Os emprendedores e emprendedoras que superen este proceso de selección poderán ocupar o espazo por un período de 6 meses prorrogable ata un ano e estarán ubicados na sala de coworking da Tecnópole ou en locais libres da incubadora de empresas do edificio CEI, atendendo ás necesidades de cada proxecto.

O Parque Tecnolóxico de Galicia subvencionará o 100% do canon de uso das infraestruturas nas súas instalacións, o uso gratuíto da wifi, o consumo de electricidade e o acceso a servizos comúns. As persoas gañadoras dos espazos tamén se poderán beneficiar de actividades de formación e asesoramento gratuítos ofertados pola Cámara de Comercio e Industria de Ourense e pola Confederación de Empresarios de Ourense. Unha vez constituída a empresa, o emprendedor terá un prazo máximo de catro meses para abandonar a preincubadora.

Os proxectos que podían optar a esta convocatoria debían ser individuais ou dun grupo cun máximo de catro membros, que necesariamente tiñan que estar matriculados na Universidade de Vigo en estudos de primeiro, segundo ou terceiro ciclo, grao ou mestrado, ou ser titulados por esta universidade no curso 2009/2010 ou posteriores. As ideas podían proceder de calquera das ramas de coñecemento contidas nos plans de estudo da Universidade, como son Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura.