Tres novas empresas procendentes de Catalunya, Portugal e Galicia incorpóranse á Tecnópole

O Consello de Administración do Parque Tecnolóxico de Galicia deulle esta mañá, na súa primeira reunión do ano, luz verde á implantación de tres novas empresas no seu recinto de San Cibrao das Viñas (Ourense), das cales dúas implican investimentos procedentes de Catalunya e Portugal.

Na xuntanza autorizouse a cesión dunha parcela na Tecnópole a Cablemat, grupo empresarial catalán que leva no mundo das telecomunicacións máis de 30 anos. O proxecto de Cablemat para a súa sé no Parque Tecnolóxico de Galicia é moi ambicioso, xa que será aquí onde implante o seu departamento de I+D+I, unha plataforma loxística de control e distribución dos seus produtos en España e Portugal e a súa nova división de Enerxías Renovables.

Novas empresas en niños

Das dúas novas empresas que entran no viveiro de Tecnópole, Míster Doc, Centros Digitales suporá a entrada de capital portugués no recinto. A empresa busca trasladar aquí as súas actividades no campo da xestión dixital documental. Os seus produtos aplican o concepto ECM (Enterprise Content Management), baseado no desenvolvemento dun software propio de arquivo dixital. A empresa inclúe entre as súas actividades de I+D+i a adaptación deste á realidade do mercado estatal.

A outra iniciativa de negocio que entra na incubadora da Tecnópole é Raisin D’or, nacida dun proxecto de investigación da empresa Tecnomiza. O seu obxectivo final é a comercialización de viño desalcolizado e enriquecido en polifenois con efectos demostrados sobre a saúde. Na investigación colaboran a Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) e as Universidades de Vigo e de Santiago de Compostela.

Informe positivo da CHN

Na xuntanza desta mañá informouse tamén dos avances no proxecto de ampliación do Parque Tecnolóxico de Galicia para acadar case o millón de metros cadrados de superficie. Neste mes de marzo obtívose a resposta oficial da Confederación Hidrográfica do Norte (CHN) informando favorablemente do desenvolvemento do Plan Parcial aprobado polo Concello de San Cibrao das Viñas e presentouse ante a Consellería de Medio Ambiente o resumo de como se integran no planeamento os aspectos ambientais e o Informe de Sustentabilidade Ambiental que se precisa para a aprobación definitiva do Plan Parcial.

Polo que se refire ás obras, informouse, entre outras cousas, sobre o avance do Edificio CITI (Centro de Innovación, Transferencia e Investigación) da Universidade de Vigo, que estará rematado no verán, ao igual có inmoble Tecnópole I, no que se ubicará a Lanzadeira de Empresas Biotecnolóxicas.

Proxectos

Os membros do Consello de Administración foron postos ao tanto das labores que lle foron encomendadas á Tecnópole como coordinadora da futura Rede Galega de Parques Tecnolóxicos e Científicos de Galicia. Para definir o modelo de rede máis apropiado estanse a estudar os modelos de redes xa existentes en Euskadi, Andalucía e Castela e León, entre outros.

Ademais, informouse do traballo realizado polo Parque Tecnolóxico como entidade de referencia da nova Rede Galega de Antenas de I+D, un conxunto de espazos de captación de proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica posto en marcha nos polígonos industriais de Galicia. Despois dunha primeira fase de implantación nos polígonos de Sabón, na Coruña; de Pereiro de Aguiar, en Ourense; e do Ceao, en Lugo, neste primeiro trimestre do ano estase levando a cabo unha campaña de captación de novos partners e a posta en marcha de servizos.

Por outra banda, o proxecto PARQUE (Potenciación e Afianzamento de Recursos de Uso Empresarial), un plan piloto para abordar a modernización dos parques empresariais da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal mellorando a súa competitividade empresarial mediante un modelo sostible, aborda a súa fase final coa previsión de ser completado en xuño de 2008.

O proxecto CEIPAR (Creación de Empresas Innovadoras en Parques), promovido polo Ministerio de Industria e a Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE), continuará dándolles soporte financeiro e de asesoría ás dez empresas situadas na Tecnópole que se integraron na iniciativa en 2007 e incorporará a outras once.

No referente á Cátedra Tecnópole, iniciativa que consiste en dinamizar e desenvolver proxectos conxuntos de I+D+i entre grupos de investigación universitarios e empresas, foron un total de seis empresas e centros tecnolóxicos do Parque os que fixeron xa as súas propostas de traballo en conxunto cos investigadores da Universidade de Vigo para 2008.