O Diario Oficial de Galicia publicou a nova convocatoria de axudas da Vicepresidencia primeira e consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación: o programa Consolida Bio. Dotado con tres millóns de euros -procedentes dos fondos REACT-UE- ten como obxectivo apoiar a consolidación das pemes do sector biotecnolóxico con menos de oito anos de antigüidade.
Esta nova liña de axudas pretende fortalecer as pequenas e medianas empresas deste ámbito e axudalas a gañar tamaño a través da innovación. Para logralo, os apoios cubrirán tanto investimentos produtivos e tecnolóxicos como innovación en procesos e actividades para levar ao mercado solución baseadas na biotecnoloxía.
A intensidade da axuda varía entre o 10 e o 20 % para os investimentos e alcanza o 50% para os custos de innovación e o orzamento do plan de consolidación debe ser de entre 500.000 euros e un millón. As axudas, de concorrencia competitiva, aspiran a beneficiar a 12 empresas, mobilizar 9 millóns de euros e crear 36 empregos de alta cualificación.
Os plans empresariais das pemes que opten a estas axudas deberán estar vencellados a algunha das ramas de actividade prioritarias da biotecnoloxía en Galicia e ás cadeas de valor definidas na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia. En concreto, xestión e aproveitamento dos recursos mariños, produción e aproveitamento agrogandeiro e forestal, alimentación funcional para a saúde e o envellecemento activo, ou novas tecnoloxías para a medicina personalizada.
Con esta nova medida, a Xunta pretende impulsar a competitividade das pemes biotecnolóxicas galegas, incrementar tanto a súa capacidade produtiva e comercializadora como a facturación global do sector.
Fonte: El Correo Gallego