Galicia xa ten definida a nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia até 2027, que sitúa a sustentabilidade, a innovación e as persoas como os eixos das políticas de I+D+i da Xunta cunha mobilización extraordinaria de fondos de case 5.000 millóns de euros de investimento público-privado.
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, compareceu para presentala. Na súa intervención explicou que, con respecto á anterior RIS3 (2014-2020), esta nova estratexia medra tanto en obxectivos como en recursos por esixencias do contexto de transformación enerxética e dixital que aprema a facer unha aposta aínda maior pola I+D+i. Nese sentido, apuntou que para este período destinarase un 157% máis de fondos que no anterior marco orzamentario 2014-2020, no que se alcanzou un investimento superior aos 1900 millóns de euros. De cara a 2027, dos 5.000 millóns de investimento previsto, 3.000 proveñen de fondos públicos.
As tres prioridades da nova RIS3 van estar, por un lado, na sustentabilidade, como eixo diferenciador respecto ás políticas de I+D+i de etapas anteriores; na dixitalización, como elemento facilitador para a transformación económica e social de Galicia; e nas persoas, a través dunha investigación e innovación orientadas a abordar os retos da sociedade galega: o envellecemento activo, a alimentación, o despoboamento, a saúde ou a cohesión territorial.
Outra das prioridades será o fortalecemento do ecosistema galego de I+D+i para que funcione de maneira máis integrada, achegando os centros de coñecemento ás empresas e prestando especial atención á perspectiva de xénero no campo da investigación e a innovación.
Fonte: El Correo Gallego