Tres informáticos de Vigo teletraballan na supercomputación que combate o COVID-19

A súa mesa de traballo está adornada cun boneco do Dinoseto de Vigo pero o que programan axudará aos Estados Unidos a combater a pandemia global. Tres xoves desenvolvedores de programas de IBM teletraballan confinados desde as súas casas en Vigo nun proxecto do Consorcio de Supercomputación de Alto Rendemento. Trátase dunha alianza que os xigantes da intelixencia artificial e Internet fundaron nos Estados Unidos para axilizar a loita dos científicos contra o coronavirus. O consorcio, no que figuran IBM, Google, Amazon ou a NASA, porán os seus supercomputadores ao servizo dos científicos para calcular algoritmos, modelos e predicións dos contaxios e estudos moleculares. O obxectivo é achar a cura e a vacina contra o COVID-19. As veloces máquinas obterán resultados en días.
 
En concreto, os vigueses Abdón Rodríguez, David García e Iván Durán están enrolados en IBM Research e recibiron o encargo do seu xefe en Nova York para desenvolver o sitio web oficial do consorcio. Eles montan a sección que informa de todo o relativo ao HPC Consortium.
 
Iván Durán recalca que “en IBM estamos a axudar a moitos investigadores a conseguir medios que non tiñan ao seu alcance para que eles poidan traballar directamente na procura de medicamentos. Creo que o que fago axuda á comunidade”.
 
Da mesma opinión é David García, de 29 anos: “As iniciativas que se están a realizar en IBM para contribuír a frear a expansión do coronavirus levan o traballo de moitas persoas. Poder contribuír en algo tan importante fai que salga o mellor dun mesmo”.
 
O terceiro compañeiro, Abdón Rodríguez, da mesma idade, coincide en que “é gratificante participar en proxectos con tanto impacto. E máis aínda sabendo que o impacto é de saúde pública”.
 
Os tres teletraballan confinados desde a súa casa pero xa estaban afeitos. Durán indica que “hoxe en día, a distancia non é un problema. Temos moitas ferramentas que nos permiten permanecer conectados en todo momento, compartir documentos e organizar o traballo”. Engade que “ao principio custa un pouco, pero cando levas varios anos, a rutina fai que non notes a diferenza con traballar cos compañeiros ao teu lado”.
 
David García destaca que ao ser un equipo tan heteroxéneo e de diferentes partes do mundo “a comunicación é esencial para estar conectados e ter sentimento de grupo; as mensaxese as chamadas forman parte do día. E o mesmo pasa coa organización, ser consciente das necesidades dos teus compañeiros e traballar dentro dun horario saudable é importante para o equipo e que temos en conta ao organizar as nosas tarefas”.
 
Abdón Rodríguez leva catro anos traballando a distancia. “Se a cultura do equipo é estar deslocalizado, lévase estupendamente; organízanse as reunións nun horario amigable para todos, e o resto do tempo, libremente. E hai moita comunicación, tanto por escrito como por videochamadas”, di. 

Desde a compañía resaltan que IBM está a facer varias iniciativas para combater a crise sanitaria: o consorcio, o desafío Call for Code e a app e a web The Weather Channel para rastrexar a evolución do COVID-19. “Os desenvolvedores de programas de Vigo forman parte dese todo, eles colaboran activamente no proxecto, din. Outro vigués, Ismael Faro, fai en Nova York investigación punteira para IBM. 

Fonte: La Voz de Galicia