A Xunta recibiu tres ofertas de empresas para a redacción do proxecto e dirección das obras do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, no Parque Tecnolóxico de Galicia (San Cibrao das Viñas), cuxa execución suporá un investimento de 4,2 millóns de euros. Con este contrato, a Xunta impulsa un novo centro, que ten como metas contribuír ao fortalecemento da ciberseguridade na contorna da administración pública, da cidadanía e das empresas; apoiar a innovación no sector produtivo mediante o logro da excelencia na investigación; así como o desenvolvemento de talento especializado en ciberseguridade.
A Xunta prevé adxudicar no outono este contrato para a redacción do proxecto construtivo, licitado por preto de 220.000 €, para telo rematado na vindeira primavera para iniciar a continuación a contratación e inicio das obras, co fin de polo en marcha a mediados de 2025.
Este novo centro será froito da colaboración entre a Consellería de Facenda, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, impulsora deste proxecto, e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que acometerá as obras de edificación. Esta intervención será financiada con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, do programa Next Generation UE.
O Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia construirase na parcela 3E da Tecnópole, que conta con algo máis de 3.000 m2. O edificio, con máis de 2.000 m2 de superficie construída, albergará os espazos de monitorización e xestión de ciberseguridade, áreas de traballo e concienciación, zonas de uso externo e locais de emprendemento e de alugueiro para empresas privadas. Os traballos completaranse cunha área para o estacionamento, prevendo habilitar ao redor de 40 prazas de aparcadoiro.
Fonte: El Correo Gallego