Trendon.me dá o salto á preincubadora de proxectos empresariais de Tecnópole e a Universidade de Vigo

Trendon.me, a plataforma global de moda que se instalou hai uns meses na sala de coworking de Tecnópole tras gañar o certame Start Up Pirates acaba de dar o salto á preincubadora de proxectos empresariais, promovida por Parque Tecnolóxico de Galicia e a Universidade de Vigo, onde continuará desenvolvéndose durante un ano.

Segundo unha das súas creadoras, Nuria Iglesias, trátase dunha plataforma “cun espazo para adictos ás últimas tendencias, blogueiros, deseñadores emerxentes e tendas, unha especie de ecosistema onde todos eles poidan comunicarse e vender os seus produtos”. Sobre a acollida na preincubadora, sinala que “é unha oportunidade moi grande. Ao empezar todo son gastos e que che ofrezan unha oficina dentro dun espazo perfecto para traballar no que hai tantas startups é unha oportunidade impagable”.

A Nuria sempre lle gustaron as últimas tendencias e compartir de cando en vez “algunha tarde de compras, un look especial … “. De aí xurdiu a primeira das catro patas nas que se asenta Trendon.me: unha rede social centrada única e exclusivamente no mundo da moda. A idea comezou a tomar forma e realidade grazas a unha bolsa do programa Talentum Startups de Telefónica, co que se trata de impulsar o talento innovador entre mozos amantes das novas tecnoloxías e coa que esta enxeñeira chegou a optar á final nacional, premiada con apoio económico e formativo para desenvolver as súas ideas empresariais.

Coa rede social xa enriba da mesa chegou a tan temida pregunta: ¿como gañar diñeiro? A resposta era clara: incluíndo ás tendas. “En Ourense hai paixón por comprar nas tendas de barrio, así que baixei á rúa a ver que produtos diferentes ofrecían e que necesidades tiñan. Moitas vendían a través das redes sociais porque manter unha web non é economicamente viable e moitas veces non dá o alcance que se pretende”, explica Iglesias, quen decidiu ofrecer ás tendas un espazo dentro da plataforma, onde “teñen un perfil propio no que incorporar os seus produtos, ademais de poder vender directamente dende a nosa tenda online”.

Faltaban por incorporar as outras dúas patas do proxecto. Por unha parte, un espazo para os blogueiros, os “promotores por excelencia”, nos que os profesionais da moda poden “compartir estilos e servir de transmisores da trastenda á xente da rúa”; por outra, os novos deseñadores, que “queren colocar as súas creacións pero moitas veces non teñen medios económicos para facelo porque as páxinas webs lles esixen unhas marxes moi grandes”, explica Nuria..

A nivel nacional

Esta plataforma serve para conectar servizos, poñer a todos os actores en contacto e ofrecerlles un beneficio mutuo. Agora o proxecto comeza a tomar forma. Xunto coa súa socia, Ángela González, e un asesor tecnolóxico, Miguel Gesteiro, están a desenvolver a web final de Trendon.me, na que ademais de dar acubillo aos catro protagonistas da plataforma se incorporarán novos servizos, como un calendario de eventos de moda ou as últimas noticias do sector.

Cando a web definitiva estea a pleno rendemento nela haberá blogueiros, tendas e deseñadores de ámbito nacional, xa que son moitos os interesados en formar parte desta plataforma que trata de facilitarlles o día a día. “Xa non é só a nivel de expertos ou de comercios. Estivemos na última edición da Cibeles Fashion Week falando cos novos valores que desfilaban en Ego e o proxecto tivo moi boa acollida. Xa temos varios deseñadores esperando a que todo estea en marcha para participar”, explica Iglesias.

Levan un ano traballando axustado no proxecto e, aínda que saben que lles queda un ancho camiño por diante, afrontan o futuro coa ilusión de poder transformar aquilo que lles gusta na súa profesión. “Os que antes se rían de min agora dinme que estou tola, pero que me admiran por ser capaz de facer o meu sono realidade e loitar cada día polo que quero”, recorda.

(Fonte: DUVI)