Iberdrola estuda estrear a offshore a escala industrial en Galicia, cun megaparque de 300 MW e 1.000 millóns de euros. Non é a única compañía interesada na eólica mariña coa comunidade en mente como primeira opción, á espera da aprobación dos plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) que identificarán que lugares son ou non son aptos para colocar parques. O grupo que os elabora confirma a rendibilidade en case toda a costa galega.
Até catro ministerios (Transportes, Industria, Transición Ecológica e Pesca) participaron xunto coas autonomías na elaboración dun inventario dos usos existentes e futuros en augas españolas. Con esa información, o departamento dirixido por Teresa Ribera e o grupo de traballo encargado da Ordenación do Espazo Marítimo elaboraron un esbozo inicial para as cinco demarcacións mariñas, agora mesmo en discusión coa premisa de aprobalos antes do 31 de marzo.
Galicia e a cornixa cantábrica integran a demarcación mariña noratlántica. “É posible apreciar dunha maneira nítida as zonas máis ventosas, particularmente gran parte da franxa marítima que rodea a comunidade autónoma de Galicia, que se acha baixo a influencia das frontes atlánticas e que presenta máximos no seu vértice noroeste”, destaca o borrador do POEM, que bebe das análises e o atlas eólico de España confeccionado polo Instituto para la Diversificación y el Ahorro de la Energía (IDAE) en 2011.
Practicamente ningún punto do litoral galego queda por baixo da velocidade media de 6,5 metros por segundo a unha altura de 100 metros, o limiar mínimo considerado polos promotores de eólica mariña para sacar partido a un parque, e mesmo no “vértice noroeste” remarcado no borrador supéranse os 10 metros por segundo.
Fonte: Faro de Vigo