A competición, aberta a todo o territorio nacional, recoñecerá a startup máis innovadora que permita mellorar os servizos financeiros facéndoos máis eficaces e útiles. Para presentarse, é imprescindible que as ideas conten cun modelo de negocio xa probado e teñan unha data de creación posterior a xaneiro 2012.
“Ante a realidade de que a banca se ten que ir transformando pouco a pouco decidimos poñer en marcha unha iniciativa que fose capaz de captar a innovación necesaria”, explicou Nacho Sánchez, Academic Content Manager en The Valley, que define a escola de negocios como “un lugar no que temos a innovación nos nosos xenes”.
O premio, valorado en 10.000 €, será concedido por un xurado composto por 11 membros pertencentes a The Valley e Banco Santander, que darán o seu veredicto antes do 17 de outubro. Despois, os proxectos seleccionados farán unha presentación para a súa defensa e de aí elixirase o mellor proxecto.
“A convocatoria ten moito que ver coa nosa filosofía:buscar ideas de negocio dentro dos nosos alumnos. Esa mesma esencia queremos transmitila na busca do mellor proxecto fintech xunto a Santander”, asegura Sánchez.
Pola súa parte, Arantxa Sasiambarrena, CEO de The Valley, sostén que “no último ano, o sector das fintech non só creceu en visibilidade, tamén en número de empresas. É moi importante que se recoñeza o valor e beneficios de todos estes proxectos enfocados a transformar e dar un xiro ao sector financeiro tradicional”. Con esta competición, froito do acordo de colaboración asinado por ambas as dúas entidades, preténdese identificar talento e oportunidades de negocio, así como desenvolver competencias profesionais e promover a innovación no mundo das fintech.
(Fonte: Innovaspain)