Televés e Indra desenvolven para o Sergas un sistema de monitorización de pacientes baseado en internet das cousas

O proxecto de Hospitalización Experimental Hospital 2050, SISENS, desenvolvido por Televés e Indra para o Servizo Galego de Saúde (Sergas) gañou o premio, na categoría de aplicación TIC, da Fundación “Ad Qualitatem” á mellor iniciativa de Calidade, Sustentabilidade e Innovación no Sector Sociosanitario.

Trátase dunha experiencia innovadora a nivel europeo, que supuxo a creación dun sistema que permite recoller e rexistrar de xeito totalmente sen fíos e automático todos os parámetros biolóxicos e ambientais de control do estado clínico e evolución do paciente e integralos nos sistemas de rexistro de coidados de enfermería e historia clínica dixital.

SISENS é un dos núcleos centrais do proxecto “Hospitalización Innovadora”, que forma parte, á súa vez, de Hospital 2050, programa cofinanciado ao 80% por fondos FEDER da Unión Europea. O sistema, que foi adquirido a Televés e Indra baixo a modalidade de Compra Pública Innovadora (CPI), estase a implantar con éxito en distintas áreas do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), como unidades de hospitalización e boxes de críticos e área de observación da unidade de urxencias. Tamén está prevista proximamente a súa implantación na área cirúrxica.

Un receptor de monitorización integral único

Para o desenvolvemento do proxecto SISENS, financiouse a creación dunha nova tecnoloxía que consiste nun “concentrador intelixente”, desenvolvido e fabricado por Televés, conectado de xeito ininterrompido a SOFIA2, a solución Internet of Things (IoT) de Indra. SOFIA2 actúa como unha plataforma centralizadora que recolle e analiza en tempo real toda a información proveniente dos dispositivos implantados no hospital, independentemente das súas características ou fabricantes.

Estes concentradores, de reducido tamaño para facilitar a súa mobilidade, permiten captar e pasar a información do estado clínico e evolución do paciente a Sofia2, que posteriormente a integran no aplicativo de coidados de enfermería (GACELA) e na propia historia clínica electrónica implantada no Sergas (IANUS). Esta captación-transmisión pode realizarse dende distintos ámbitos, como unidades de hospitalización, quirófanos, urxencias, ambulancias ou dende o propio domicilio do paciente.

Captación sen fíos de sinais

O receptor intelixente capta os sinais, vía bluetooth, wifi, radio frecuencia e radiodifusión dixital, dun conxunto de equipos sen fíos, empregados para medir as constantes vitais do paciente ingresado, dende as básicas, como tensión arterial, pulso, glicemia e temperatura, ata as máis complexas: electrocardiograma, nivel de analxesia ou sedación (Índice ANI) así como dos equipos de monitorización (cardíaca, respiratoria, saturación de osíxeno). Todo iso compleméntase con interruptores de aviso sen fíos e sensores de caídas, así como de captación das variacións de presión do colchón, permitindo detectar se o paciente está axitado ou inmóbil demasiado tempo, co conseguinte risco de formación de úlceras.

Xunto a este completo rango de medicións do estado clínico do paciente, os profesionais sanitarios contan tamén coa valiosa información que recibe outro dos equipos TIC: un sensor ambiental central, instalado no cuarto do paciente, que mide as condicións ambientais: temperatura, ruído, humidade, luminosidade e presión atmosférica, así como de xestión de alertas, integrando a información achegada polos distintos sensores.

Ademais, a centralización en SOFIA2 desta información xera no Sergas un repositorio Big Data de información clínica exhaustiva dos pacientes, que poderá ser analizado no futuro para a detección temperá de patróns que poidan apoiar o tratamento e mesmo a prevención de enfermidades co principal obxectivo de impactar positivamente na saúde da poboación galega.

(Fonte: Indra)