Tecnópole únese á rede Enterprise Eurolodging para facilitar estancias curtas das súas empresas noutros parques tecnolóxicos de Europa

Tecnópole incorporouse recentemente á rede Enterprise Eurolodging (E2), deseñada para fomentar a mobilidade das empresas instaladas en parques tecnolóxicos de toda Europa.

Esta iniciativa, promovida pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE) en colaboración coa Asociación Internacional de Parques Tecnolóxicos e Áreas de Innovación (IASP), fará posible, entre outras cousas, que as empresas teñan a oportunidade de instalarse en calquera parque asociado por un curto período de tempo.

Actualmente están integrados na E2 un total de quince parques españois e un italiano, pero espérase a próxima incorporación de parques procedentes de toda Europa, xa que a iniciativa foi presentada estes días no Congreso Mundial de Parques organizado por IASP en Moscú.

As empresas de Tecnópole interesadas en aproveitar esta fórmula poden informarse e solicitar estancias no blog da Enterprise Eurolodging.