O Parque Tecnolóxico de Galicia está integrado no proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino”, promovido pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España -APTE-. O propósito desta iniciativa é lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por carreiras STEM -Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas-, debido a que a súa presenza nestas materias segue a ser baixa.
No marco deste proxecto e coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, Tecnópole vai celebrar dúas xornadas, a primeira o 14 de febreiro, e a segunda o 21 de febreiro, dirixidas a alumnado de Secundaria. Participarán en actividades que lles achegarán a ciencia e a tecnoloxía de xeito práctico e lúdico, contribuíndo a derrubar falsos estereotipos sobre profesións que tradicionalmente foron adscritas ao público masculino. Os talleres impartiraos Patricia Barciela, directora técnica da Domus – Museos Científicos Coruñeses.
Á rapazada proporáselle un divertido e educativo xogo inspirado na flor “nonmesquezas”, símbolo da memoria, para descubrir as científicas que marcaron a historia. Cada participante ou parella percorrerá un taboleiro, resolvendo enigmas e adiviñas. Por cada enigma resolto, recibirán un “token”, unha pequena ilustración adaptada ás linguaxes visuais actuais. “É un xeito de visibilizar figuras históricas esquecidas, como as nosas mulleres científicas, promovendo unha comprensión máis diversa e inclusiva da ciencia” -salienta Barciela-.
A experiencia de mulleres científicas e tecnólogas
Nestas xornadas convidarase a mulleres que traballan no campo da ciencia e a tecnoloxía, que relatarán a súa experiencia persoal, explicando por que decidiron elixir unha carreira STEM e cal foi a súa aplicación no mercado laboral. A finalidade é que o alumnado teña a oportunidade de descubrir as novas posibilidades que lles poden abrir estas disciplinas. Intervirán Marta Otero, doutora en Ciencias Físicas que traballa como técnica de I+D no Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, situado en Tecnópole; e Esther Merlo, enxeñeira de Montes, con dúas décadas de experiencia no eido da investigación científica e a innovación tecnolóxica no sector forestal e da madeira, fundadora, directora e responsable do departamento de Innovación Tecnolóxica da empresa Madera Plus, con sede tamén en Tecnópole.
O alumnado poderá participar nun concurso nacional destinado a crear un mundo mellor para 2030
Aos rapaces e rapazas presentaránselles algunhas problemáticas relacionadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que expón a Axenda 2030 de Nacións Unidas. Son retos vencellados coa saúde e o benestar, a igualdade de xénero, a enerxía accesible e non contaminante, a acción polo clima… A finalidade é que deseñen un proxecto que sirva como solución a un problema concreto, de cara a crear un mundo mellor para 2030. Unha vez rematada a xornada, o alumnado traballará por grupos nos seus respectivos centros e enviará a súa proposta en formato vídeo a Tecnópole, e a solución elixida participará nun concurso nacional que se celebrará en Madrid en abril.
Coñecerán as saídas laborais no eido da ciencia e das tecnoloxías disruptivas
Os participantes recibirán a guía Que quero ser de maior?, na que se recollen as saídas profesionais de diversas carreiras científicas e tecnolóxicas, o tipo de labor que se desempeña en cada unha destas profesións, así como a súa utilidade na sociedade actual. Entregaráselles tamén a guía Que son as tecnoloxías disruptivas?, que busca visibilizar algunhas das novas tecnoloxías que xa están a revolucionar o mundo -como o blockchain, big data, intelixencia artificial, 5G, ciberseguridade, computación cuántica…- e as súas posibles saídas profesionais.
Mulleres referentes para as novas xeracións
O estudantado poderá visitar a exposición Mulleres que cambiaron o mundo, protagonizada por mulleres relevantes no campo da ciencia e a tecnoloxía que deixaron a súa pegada ao longo da historia; e a mostra Mulleres que cambian o mundo, na que se destacan a aquelas profesionais do ámbito do Parque Tecnolóxico de Galicia que na actualidade están a desenvolver un importante labor nestes eidos.