Tecnópole supera por primeira vez o millón de euros en ingresos propios e consegue unha autonomía financeira do 50%

Os ingresos xerados por Tecnópole á marxe da subvención da Consellería de Innovación e Industria para garantir o normal funcionamento do Parque durante o exercizo 2008 superaron por primeira vez o millón de euros, un 38% máis que o ano anterior. Do total destes ingresos, 708.000 euros correspóndenlle á facturación por alugueres e servizos prestados e arredor de 355.000 euros a proxectos realizados.

Estas cifras permitíronlle ao Parque Tecnolóxico de Galicia alcanzar en 2008 o obxectivo marcado de superar a barreira do 50% en autonomía financeira. O aumento dos ingresos conseguidos por servizos, alugueres e proxectos, xunto coa mellora contínua do control nos gastos correntes, non só posibilitou reducir por terceiro ano consecutivo o cociente doutros ingresos sobre subvencións, senón tamén alcanzar o fito de que máis da metade dos ingresos procedan da facturación e da realización de proxectos.

A subvención da Consellería de Innovación e Industria para o financiamento da xestión corrente mantívose en 2008 nos 800.000 euros, o que supuxo unha distribución dos ingresos totais na que os servizos prestados e os proxectos pesaron un 52% e a subvención un 39%, correspondéndolle o 9% restante a conceptos financeiros.

Debido á evolución na autonomía financeira de Tecnópole, a contía da subvención da Consellería de Innovación para gastos correntes redúcese en 2009 até os 700.000 euros. Isto permitirá á súa vez aumentar a aposta da Xunta de Galicia polo investimento en infraestruturas para Tecnópole. Se no ano 2008 a cantidade ascendeu a 1,5 millóns de euros para a creación de novos espazos de aluguer para empresas e a posta en marcha do Centro de Experimentación en Enerxías Renovables, en 2009 a subvención para investimentos ascenderá a 1,7 millóns de euros.

Fondos estatais

Polo que respecta á captación de fondos procedentes do Goberno central, ademais do préstamo de 836.565,60 euros concedido polo Ministerio de Industria á Tecnópole para a adquisición dos terreos necesarios para acometer o proxecto de ampliación a cerca do dobre da súa superficie actual, as empresas situadas no recinto captaron 2,38 millóns de euros do Ministerio de Ciencia e Innovación, procedentes das axudas do Plan Nacional de I+D+i (2004-2007) para proxectos de I+D realizados en Parques Científicos e Tecnolóxicos. As empresas beneficiadas foron T-Solar e Kinétika Innovacións Estruturais, xunto co centro tecnolóxico AIMEN.

A través da convocatoria 2008 de axudas da liña de Infraestruturas científicas e tecnolóxicas do Plan Nacional de I+D+i (2008-2011), as empresas Invatia Research, Gaélica Solar e Automatización e Control Industrial conseguiron, coa colaboración de Tecnópole, axudas por valor de preto dun millón de euros.

Catro nuevas empresas

Ademais das contas de 2008, no último Consello de Administración quedou aprobada tamén a incorporación de catro novas empresas á Tecnópole, todas elas na incubadora do Centro de Empresas e Innovación (CEI).

Mecánicas del Pisuerga é unha empresa con orixe na provincia de Valladolid que se vai dedicar á I+D+i relacionada coas enerxías renovables. As principais liñas de operación que desenvolverá esta empresa serán o desenvolvemento de novos produtos para suxeición de módulos fotovoltaicos fixos e móbiles, dun módulo solar térmico en plástico reciclado e de proxectos de pelletización de biomasa para caldeiras, ademais do deseño de sistemas autónomos fotovoltaicos para subministración de enerxía.

Redegal é unha iniciativa TIC ourensá que baseará as súas actividades no desenvolvemento dunha plataforma de xestión de información corporativa para Pemes que lles permita ás empresas converter os procesos en papel en procesos electrónicos, coa fin de crear unha oficina sen papeis.

A empresa Odeleva desenvolverá en Tecnópole un proxecto de I+D para a creación de novos aditivos para a automoción. Por último, Arte + Innovación é unha iniciativa empresarial do artista lucense Chema Dapena co obxectivo de innovar na creación artística tomando como base o vidro, na súa maioría reciclado.

Obras rematadas

Durante a reunión do Consello de Administración informouse tamén do remate das obras do edificio do Centro de Innovación, Transferencia e Investigación (CITI) da Universidade de Vigo e das naves das empresas T-Solar, Kinética Innovacións Estruturais e Aukor. Tamén está rematada a construción do edificio Tecnópole I, destinado á Lanzadeira de Empresas Biotecnolóxicas, no que se están a instalar os equipamentos de laboratorio necesarios para comezar a funcionar no vindeiro mes de abril.