Tecnópole supera a barreira das cen empresas coa incorporación de 9 sociedades en só un mes

Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole rexistrou no último mes as solicitudes de domiciliación virtual de nove empresas, que foron aprobadas hoxe no Consello de Administración da entidade. Esta modalidade, posta en marcha para atender as novas demandas do tecido empresarial, dá acollida xa a 27 novas iniciativas de negocio e eleva o número total de sociedades radicadas na Tecnópole a 109.
 
A domiciliación virtual foi activada para darlle acollida ás empresas de nova creación que preparan a súa instalación na Tecnópole ou aquelas que non precisan un espazo estable pero queren estar vinculadas ao Parque Tecnolóxico. O custo de 95 € ao mes inclúe o uso de salas de reunións e o acceso a servizos de soporte empresarial. Os incentivos para as empresas que xa están radicadas na Tecnópole e que domicilian novas iniciativas de negocio baixo esta modalidade van desde o 50 ata o 90% de desconto na tarifa mensual.
 
As empresas que desde hoxe forman parte da Tecnópole están especializadas en biotecnoloxía, vehículos eléctricos, TIC, comercialización de equipamentos tecnolóxicos, comercio electrónico e consultoría de negocio. A maior parte delas son novas iniciativas de negocio postas en marcha por empresas consolidadas tanto de dentro –Conexiona e Tendeus– como de fóra do Parque Tecnolóxico de Galicia.
 
Sectores de alto potencial
 
A biotecnoloxía é o sector no que vai operar Origo Biopharma, recén constituída. A súa actividade centrarase na investigación, desenvolvemento e comercialización de produtos e servizos no ámbito farmacéutico.
 
No campo da mobilidade sostible, Tabao dedicarase ao deseño e fabricación de vehículos eléctricos, desde motocicletas e bicicletas ata dispositivos de transporte persoal como hoverboards (táboas de dúas rodas autoequilibradas). Esta nova sociedade nace da estratexia de diversificación do grupo Tendeus, ao igual que Hubpaq e Flipaus Marketplace, especializadas en solucións para o comercio electrónico, e Between Roads, centrada na xestion de proxectos de base tecnolóxica, mediante a participación, investimento, mentoring e asesoramento na busca de capital para start-ups.
 
Tamén no campo do comercio electrónico, Strategenial está en proceso de constitución para desenvolver plataformas tecnolóxicas nos sectores de alimentación e bebidas, así como no de organización de eventos.
 
Txstockdata continuará na Tecnópole o desenvolvemento de software capaz de relacionar o investimento financeiro coas redes sociais, como xa fai a súa app Senseitrade, capaz de recomendar os valores en Bolsa nos que convén investir utilizando a información que circula en Twitter en tempo real.
 
Pola súa banda, Sertelfin e Infinitus Rent, vinculadas a Conexiona, dedícanse á comercialización de equipamento tecnolóxico baixo a modalidade de renting. No caso concreto de Infinitus Rent, esta sociedade financiará todos os proxectos de software de Conexiona en España e Portugal, como xa sucedeu coa domotización integral dun colexio en Madrid por valor de máis de 2,5 millóns de euros.