Parque Tecnolóxico de Galicia, Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas e a empresa Anpián decidiron unir esforzos para incentivar o uso do transporte público dende a cidade de Ourense a estas dúas áreas empresariais con motivo da Semana Europea da Mobilidade, que se celebra do 16 ao 22 de setembro. Entre estas datas o custo total do servizo de autobús será asumido conxuntamente polos tres colaboradores, de maneira que durante cinco días laborables a partir do próximo mércores os traballadores poderán viaxar gratuitamente.
Tecnópole e o Polígono de San Cibrao das Viñas concentran un gran número de traballadores procedentes da capital, polo que hai aproximadamente un ano se completou o servizo que funcionaba entre a cidade e o Polígono Industrial con liñas que chegan ao Parque Tecnolóxico. Con esta iniciativa, as dúas entidades, xunto coa empresa que realiza o transporte, Anpián, queren impulsar o uso do servizo entre os empregados que aínda non renunciaron ao coche permitíndolles que proben o servizo de autobús de forma gratuíta durante unha semana laboral completa.
O obxectivo, que é asumido pola Tecnópole no marco da súa política de Responsabilidade Social Corporativa, é incentivar esta fórmula con vocación de continuidade, é dicir, que se converta no modo habitual de transporte do maior número de traballadores que sexa posible.
?A Semana da Mobilidade é unha iniciativa da Unión Europea que culmina o 22 de setembro coa celebración do ‘Día Europeo ¡A cidade, sen o meu coche!’. Esta idea ten como obxectivo concienciar os cidadáns das consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche na cidade, tanto para a saúde pública coma para o medio.
?
A idea do día sen coches xurdiu como experiencia piloto en Francia hai máis dunha década e, tras o seu éxito, no ano 2000 a Comisión Europea converteuna nunha iniciativa comunitaria. Dous anos despois completouse coa celebración dunha semana enteira a favor da suma de vontades por parte das autoridades públicas para poñer a proba outras alternativas de mobilidade urbana máis respectuosa co ámbito: sistemas de repartición con vehículos ecolóxicos, novas liñas de transporte público, coches compartidos, carrís para bicicletas, zonas de peóns, limitación do tráfico… Dende hai tres anos, a iniciativa abriuse á participación de todo tipo de entidades e empresas, o que fai posible esta colaboración entre Tecnópole, Polígono de San Cibrao das Viñas e Anpián.
Iniciativa compartida
?
‘Mellora o clima da túa cidade’ é o tema horizontal da Semana Europea da Mobilidade 2009, co que se pretende establecer un nexo de unión coa Conferencia de Cambio Climático de Nacións Unidas que terá lugar en decembro de 2009 en Copenhague, e ao mesmo tempo demostrar que os cidadáns, as autoridades locais e outros sectores da sociedade como organizacións sociais e empresas, poden contribuír á loita contra o quentamento global fomentando un cambio radical do uso do coche privado cara a medios de transporte máis sustentables como os desprazamentos a pé ou en bicicleta, o transporte público, o coche compartido e o coche multiusuario, segundo indican os promotores do programa.
?Todos os interesados en deixar o seu coche aparcado e darlle unha oportunidade ao transporte público grazas a esta iniciativa teñen dispoñible o horario de autobuses na páxina web de Tecnópole (www.tecnopole.es).