No marco da súa política de Responsabilidade Social Corporativa, Parque Tecnolóxico de Galicia sumouse á campaña de recollida de equipos ‘Informática solidaria”, que está sendo difundida entre as empresas situadas en Tecnópole para contribuír ao envío de ordenadores e equipamento auxiliar a países en vías de desenvolvemento.
A campaña, que se prolongará ata o 30 de xuño, está promovida pola ONG Banc de Recursos, en colaboración con Intermon e co soporte loxístico da empresa de transporte urxente MRW, que se fará cargo da recollida e envío dos equipos. O obxectivo é conseguir o maior número de ordenadores posibles para envialos a diferentes países en vías de desenvolvemento nos que a ONG leva a cabo proxectos de alfabetización informática.
Pola súa banda, MRW recollerá todos os equipos nas súas franquías españolas e enviaraos a un punto único onde serán revisados por persoal de Banc de Recursos antes do seu envío a destino.
Tecnópole está xestionando a preparación de todos os equipos da sociedade xestora retirados no seu día e almacenados, e recibirán no Centro de Empresas e Innovación (edificio CEI) todos os ordenadores, ratos, teclados, pantallas, impresoras, cartuchos de tóner (completos aínda que estean caducados), programas e cables que as empresas queiran achegar á campaña.
Os ordenadores deberán estar en bo estado de funcionamento e o procesador deberá ser polo menos Pentium III, xa que na maior parte dos países de destino trabállase con software libre e os equipos han de poder soportalo.
As empresas interesadas en colaborar poden poñerse en contacto con Antonio Gómez en antonio@tecnopole.es para os detalles operativos e consultas. Para afondar na información sobre a campaña, a ONG mantén un blog.
Tecnópole dá así un paso máis na súa política de protección do medio ambiente, contribuíndo a unha iniciativa que lle permite xestionar de forma eficiente a súa ferralla electrónica, clasificada como residuo perigoso pola normativa ambiental.