Tecnópole sonda os intereses das súas empresas en Romanía, Bulgaria e Hungría para axudarlles a abrir mercado

Tecnópole está a traballar nunha sondaxe entre as súas empresas para coñecer os seus intereses nos mercados romanés, búlgaro e húngaro, co obxectivo de axudarlles a establecer contactos comerciais na Europa do Leste.

Esta iniciativa estase a levar a cabo no marco do proxecto de internacionalización no que Parque Tecnolóxico de Galicia colabora con Polígono Industrial de San Cibrao, Centro Empresarial transfronteirizo (CET) Barbadás e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), denominado ‘Un país, unha oportunidade”.

O obxectivo global do proxecto é fomentar a interrelación das empresas cos mercados correspondentes aos países da ampliación da UE: Romanía, Bulgaria, Hungría, República Checa, Eslovaquia, Área metropolitana de Budapest, Polonia, Letonia, Lituania e Estonia, e fomentar desta forma a exportación dos seus produtos e servizos.

Nos últimos meses Tecnópole recibiu a visita de delegacións de expertos procedentes de Romanía, Hungría e Bulgaria, co fin de establecer un primeiro contacto e que coñecesen o potencial das empresas. Agora, a sociedade xestora dá un paso máis interesándose polas posibilidades concretas que se poden abrir para cada empresa nestes mercados, coa intención de servirlles de apoio.

Mañá xoves 1 de outubro Parque Tecnolóxico de Galicia será visitado por outra delegación da República Checa, coa que comezarán igualmente os contactos para establecer oportunidades de negocio para as empresas.