Durante un encontro informativo celebrado onte en Tecnópole, en Ourense, lugar no que terá lugar o congreso os próximos xoves 26 e venres 27 de novembro, o director da Axencia Galega de Innovación (Gain), Manuel Varela, afirmou que este evento é “unha oportunidade para o intercambio de experiencias entre as nosas pemes, para o establecemento de novas relacións empresariais nun ámbito internacional e para a proxección de Ourense e de toda Galicia, xa que esta cita nos permite situarnos como referente en tres sectores de carácter estratéxico”.
O programa Agrobiotech Innovación é unha iniciativa novidosa dotada con 700.000 euros que a Xunta puxo en marcha a través da Gain para completar os seus instrumentos de apoio á aceleración da innovación. Despois de impulsar iniciativas como Vía Galicia e Galicia Open Future, centradas no apoio ao emprendemento, “este novo programa introduce o soporte a pemes xa consolidadas” con produtos e servizos altamente innovadores e un elevado potencial de crecemento”, especificou Varela. Ademais, deste modo, ao lado de instrumentos de financiamento a través de programas como o Conecta-Peme e os fondos de investimento, Agrobiotech Innovación permitiu activar ferramentas de asesoramento experto para a comercialización e internacionalización dos produtos e servizos resultantes da actividade innovadora das pemes.
Tal e como recordou o director da Gain, o programa desenvolveuse en dúas fases. Na primeira, 11 empresas dos sectores da biotecnoloxía, a biomasa e a agroalimentación beneficiáronse de itinerarios de innovación individualizados, adaptados ás súas necesidades máis específicas, para incrementar a súa competitividade. Na segunda, máis de 200 empresas galegas participaron en 9 talleres de capacitación sobre aspectos estratéxicos: xestión, financiamento, liderado de produto e comercialización e internacionalización. Ademais, no marco do programa celebrouse a edición deste ano da Lonxa de Investidores Bio, na que 7 emprendedores do sector da biotecnoloxía presentaron os seus proxectos ante 15 fondos de investimento para abrir oportunidades de financiamento.
O epicentro da innovación
Tal e como afirmou a presidenta do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), Carme Pampín, o encontro desta semana converterá a Tecnópole “no epicentro da innovación en tres sectores estratéxicos para o futuro, indispensables para levar ao mercado produtos tan necesarios como alimentos funcionais, fármacos personalizados e combustibles sustentables”. No caso do sector que ela representa, recordou que as empresas galegas suman unha facturación anual de 250 millóns de euros e que a investigación biotecnolóxica emprega en Galicia 3000 persoas entre os ámbitos público e privado. “É un orgullo mostrar que o sector bio galego está preparado para competir a nivel internacional”, afirmou Pampín, en referencia ao encontro desta semana.
A directora financeira de Tecnópole, Luisa Pena, destacou a colaboración de Bioga e doutras entidades como Asebio, o Cetal e o Clúster Alimentario de Galicia na organización do congreso, “entidades estratéxicas destes tres sectores que coñecen mellor que ninguén as necesidades de intercambio de coñecemento das súas empresas”.
Pena recordou que 45 expertos a nivel internacional ofrecerán entre o xoves e o venres un total de 15 relatorios paralelos sobre temas como os alimentos e cosméticos funcionais, os biocombustibles de segunda xeración, experiencias de éxito na promoción da agricultura ecolóxica e novas fórmulas para mellorar a vida útil dos produtos lácteos, entre outros.
Entre os relatores atópanse representantes de empresas como Bayer, AstraZéneca, Unilever e Glaxo Smith Kline (GSK); e de entidades de investigación como AgroParisTech, o Centro de Investigación en Nutrición e Envellecemento da Universidade de Tufts (Boston) e a Universidade de Porto.
Para favorecer o intercambio de coñecemento especializado, ademais dos relatorios organizaranse mesas redondas e talleres sectoriais a cargo de expertos en cada unha das tres áreas de referencia. Unha grande área de exposición gratuíta permitirá a 34 empresas e profesionais mostrar os seus produtos e realizar presentacións e demostracións. De xeito complementario, habilitarase un espazo de networking para favorecer os contactos profesionais e institucionais. Co fin de favorecer o contacto directo, estase a programar unha axenda de reunións “one to one” e facilitarase un espazo onde emprendedores dos ámbitos da biotecnoloxía, a agroalimentación e a biomasa poderán presentar nun formato áxil de 10 minutos os seus proxectos a potenciais investidores. O programa completarase con visitas guiadas a empresas e centros tecnolóxicos con actividade nos sectores de referencia.
Máis información en encontro.agrobiotechinnovacion.es.
(Fonte: Tecnópole)