As empresas e centros tecnolóxicos da Tecnópole contarán con asesoramento gratuíto para cuestións relacionadas coa propiedade industrial grazas á renovación do convenio de colaboración que Parque Tecnolóxico de Galicia asinou en 2008 coa consultora Clarke, Modet & Cº, especializada en patentes, marcas, transferencia de tecnoloxía, etc. e con oficinas en España e filiais en Portugal e Iberoamérica.
Esta iniciativa de Tecnópole de facilitarlles ás empresas as ferramentas necesarias para que xestionen axeitadamente a protección da súa propiedade industrial e intelectual, os dereitos vinculados e as subvencións asociadas colleitou resultados moi positivos durante o primeiro ano de vixencia do acordo.
A continuidade do convenio con Clarke, Modet & Cº suporá, ademais da asistencia técnica persoalizada para as empresas e centros, o desenvolvemento de xornadas divulgativas sobre o tema para contribuír á posta ao día dos coñecementos dos empresarios e emprendedores do Parque Tecnolóxico acerca destes recursos.
A alianza con esta consultora débese a que está especializada no asesoramento, xestión e tramitación de patentes, marcas, deseños industriais, dereitos de autor, contratos de transferencia de tecnoloxía, know-how e secretos industriais, dominios e, en xeral, calquera dereito relacionado coa propiedade industrial e intelectual.
Desconto nas xestións
Os servizos gratuítos contemplados no acordo, que se renova por un ano, inclúen o asesoramento previo sobre os requisitos necesarios para a tramitación do rexistro de marcas e patentes nacionais, comunitarias e internacionais, información para a solicitude de rexistro dun dominio en internet, asesoramento no rexistro da propiedade intelectual, etc.
As empresas e centros tecnolóxicos da Tecnópole terán acceso ao asesoramento por vía telefónica ou correo electrónico, pero poderán solicitar tamén consultas presenciais que serán atendidas in situ por persoal especializado de Clarke, Modet & Cº. Para o resto de actuacións derivadas, nas que se desenvolva xa un traballo de xestión e de tramitación, as empresas e centros terán un desconto do 10% sobre as tarifas habituais.