Tecnópole renova a súa acreditación de cumprimento do regulamento ambiental EMAS

Tecnópole acaba de renovar a súa acreditación de cumprimento do regulamento EMAS (Eco-Management and Audit Scheme ou Regulamento Comunitario de Ecoxestión e Ecoauditoría), unha normativa voluntaria da Unión Europea que recoñece a aquelas organizacións que implantaron un Sistema de Xestión Ambiental e adquiriron un compromiso de mellora continua, verificado mediante auditorías independentes.

O Parque Tecnolóxico de Galicia foi pioneiro na obtención deste recoñecemento en 2008, xunto coa Certificación de medio ambiente UNE-EN ISO 14001:2004.

Durante o ano pasadoTecnópole  foi cumprindo os obxectivos ambientais formulados ao inicio do exercicio, baseados sobre todo en potenciar o seu papel dinamizador neste ámbito entre os demais recintos empresariais de Galicia e nas empresas que operan dende as súas instalacións. Ademais de seguir realizando accións, xornadas e cursos, leváronse a cabo campañas de sensibilización ambiental.

Neste sentido, leváronse a cabo importantes esforzos para a difusión entre as empresas da guía de boas prácticas ambientais promovida por Tecnópole, con recomendacións concretas sobre o aforro enerxético e a xestión de residuos. Ademais, Parque Tecnolóxico de Galicia tomou a iniciativa de suprimir a versión en papel do seu Manual de benvida polo que a nova web dispón tamén dunha área privada na que as empresas novas poderán acceder a unha versión navegable deste documento, que se lles entrega aos novos inquilinos do recinto á súa chegada e no que se ofrece información útil para a convivencia e o aproveitamento dos servizos que están ao seu alcance.

Outra das novidades no ámbito ambiental foi a xestión de Tecnópole co Servizo de Augas e Medio Ambiente da Deputación Provincial de Ourense para a colocación dos cinco primeiros colectores amarelos co fin de levar a cabo a correcta segregación dos envases de plástico en puntos adxacentes ás vías repartidos por todo o recinto.

Ademais, no mes de xuño,Tecnópole  sumouse á conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente organizando unha xornada de intercambio de coñecemento na que empresas do Parque compartiron as súas experiencias no campo ambiental. Na sesión participaron quince empresas – Agroamb Prodalt, Invatia Research, Nutri Up, Solucións Imasdé, T-Solar, Sonen, Ingeo, Kinetika, Climadaptación, Laddes Works, Xeoaquis, Formato Verde, Tuconsa, Enyiris e Nova Consultores-; dous centros tecnolóxicos -AIMEN e o CIS-Madeira-; e o Centro de Innovación, Transferencia e Investigación (CITI) da Universidade de Vigo.

No mes de setembro, Parque Tecnolóxico de Galicia promoveu, coa colaboración do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas e a empresa Anpián, unha iniciativa para incentivar o uso do transporte público dende a cidade de Ourense a estas dúas áreas empresariais con motivo da Semana Europea da Mobilidade. Entre os días 16 e 22 de setembro, o custo total do servizo de autobús foi asumido conxuntamente polos tres colaboradores, de maneira que durante cinco días laborables os traballadores tiveron ocasión de viaxar gratuitamente.